Ana Pontón: “O cambio de goberno no Estado é unha oportunidade para negociar unha Tarifa Eléctrica Galega”

Xornada enerxía Muras
Xornada enerxía Muras

Xornada sobre enerxía en Muras, concello no que o BNG utiliza os ingresos dos muíños eólicos para abaratar a factura da luz á veciñanza

A portavoz nacional, Ana Pontón, propón aproveitar o cambio de Goberno no Estado para negociar co Executivo de Pedro Sánchez unha tarifa eléctrica galega que permitiría ás familias e empresas deste país reducir nun 15% o custe da factura da luz, aproveitando que Galiza é exportadora neta de enerxía.

Está é unha das demandas que o BNG inclúe na axenda de país que propón impulsar desde o Parlamento para defender en Madrid, a Axenda galega 2020 cunha batería de reclamacións ante o novo Goberno central que permitirá testar se o cambio supón acabar coa discriminación a Galiza.

“Hai un novo escenario político e temos que traballar para que tamén signifique un cambio no papel de Galiza no Estado, ata agora desaparecida debido a un presidente da Xunta sometido aos intereses do PP e a uns cargos electos que defenden os intereses das direccións dos seus partidos en Madrid pero non os deste país”, salientou Pontón, “desde o BNG queremos impulsar unha axenda de temas como a tarifa eléctrica galega que permita acabar co espolio enerxético de décadas”.

Xornada Muras3Esa tarifa propia, que suporía unha rebaixa do 15% nos costes enerxéticos de familias e empresas, non pode ser considerada utópica porque xa a ten Euskadi. “Por que se nos di que é imposible cando vemos que foi precisamente o PP quen negociou unha tarifa eléctrica vasca que lles permite aforrar 50 millóns de euros?”, interpelou, ao tempo que defendía mudar un modelo enerxético “que só se traduce en beneficios multimillonarios para as multinacionais eléctricas”.

Pontón facía estas declaracións na inauguración da Xornada de Enerxía organizada polo BNG no concello de Muras, elección que non é casual senón para poñer en valor a actuación do goberno municipal que lidera o alcalde nacionalista, Manuel Requeixo, que usa os ingresos dos muíños eólicos do municipio para abaratar a factura da luz á veciñanza.

“Este concello gobernado polo BNG é un exemplo práctico de que os beneficios da produción de enerxía poden poñerse ao servizo da poboación, un exemplo innovador que espertou o interese dentro e fora porque demostra que é posible poñer os recursos eléctricos ao servizo do ben común e do desenvolvemento local”, parabenizou Pontón.

Muras é o concello con máis aeroxenadores de Galiza, -cun total de 20 parques eólicos-, o que reporta importantes ingresos ás arcas municipais desde fai décadas, pero só foi coa chegada do Bloque ao goberno local nas pasadas eleccións que esta riqueza repercute directamente nos petos dos 800 veciños e veciñas do municipio. A través da bonificación do consumo doméstico, a luz é gratis para a maior parte da veciñanza polo seu nivel de ingresos.

Xornada Muras2Cambio de modelo

Camiñar cara un modelo sustentable, promover o autocosumo como alternativa ao monopolio das grandes eléctricas, rescate dos saltos e centrais hidráulicas a medida que caduquen as concesión, -moitas outorgadas durante o Franquismo-, ou a creación dunha empresa pública galega no sector foron algunhas das cuestións que Pontón puxo sobre a  mesa como debate.

A xornada ten como poñentes a Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común, para abordar os conflitos entre os propietarios da terra e a instalación de parques eólicos; de Xosé Manuel Golpe Acuña, asesor enerxético da FAEPAC, para falar xestión enerxética desde os concellos; e de Fernando Branco, responsable de enerxía da CIG, e da portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, en relación á tarifa eléctrica galega.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG