Ana Pontón: “O cambio galego é máis posible que nunca se sumamos todo o voto de país no BNG para facer historia cunha muller presidenta”

Acto Pontevedra
Acto Pontevedra

“Rompamos coa rutina porque nada está escrito e cunha mobilización masiva o 12X podemos ter un goberno capaz de construír unha nova Galiza”, proclamou

Bará: “Con Ana Pontón, Pontevedra terá un goberno aliado na Xunta e porá fin a once anos de abandono e discriminación con esta cidade”

Ana Pontón: “O cambio galego é máis posible que nunca se sumamos todo o voto de país no BNG para facer historia cunha muller presidenta”

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, aproveitou o mitin nunha das prazas máis emblemáticas do BNG, Pontevedra, para pedir unha mobilización masiva nas urnas e concentrar todo o voto do cambio galego na candidatura que lidera, sumar o voto de país no BNG para construír unha Galiza nova a partir do 12 de xullo, cun goberno liderado, por primeira vez, por unha muller na Presidencia.

Para conseguilo, Pontón pediu “romper coa rutina” e votar “con orgullo, con ilusión e desde a esperanza” convencida de que “nada está escrito e, por contra, podemos derrotar ao PP e facer historia cunha presidenta ao fronte dun goberno capaz de erguer Galiza”.

“O cambio que queremos é máis posible que nunca”, proclamou, “porque o medre do BNG é imparable, porque estamos a ser a candidatura que cataliza as ansias de cambio e porque cada día que pasa son máis as persoas convencidas de que é posible un cambio real se enchemos as urnas de votos ao BNG. Por iso o PP está nervoso, porque a maioría social que fai apenas un mes quería cambio pero era escéptica, agora está convencida de que ese cambio é imparable”.

Acto PontevedraPor iso é tan importante que ningunha persoa que queira deixar atrás a Galiza decadente que nos deixa o candidato do PP se mobilice: “que ningún voto do cambio galego quede na casa, ten que expresarse nas urnas o 12X, ben claro e ben alto”, insistiu facendo unha apelación directa ás persoas que aínda non teñen decidido o seu sufraxio ou que noutras ocasión votaron diferente pero hoxe miran “con ilusión” a candidatura do BNG.

“Quero dirixirme aos galegos e galegas que, votasen o que votasen noutros momentos, hoxe miran con simpatía o BNG, aos que ilusiona unha Galiza cunha muller presidenta á fronte dun goberno que mire polo noso, que faga valer os nosos intereses sen ataduras a ninguén. E quero pedirlle tamén a todos e todas que están pensando en votar outras alternativas sen convicción, case por inercia, que non o fagan, porque é o momento de votar co corazón no país, de votar de novo con orgullo, con esperanza e con ilusión para a partir do 12X empezar a poñer Galiza en marcha!”.

“Este é o momento de votar diferente, de facer historia, de que Galiza abra de un tempo novo, de que gañemos o futuro, de encher as urnas de cambio galego, é o momento de votar BNG!”, instou a candidata nacionalista á Presidencia, “non vós vou fallar, un goberno galego liderado polo BNG non lle vai fallar a este país porque temos un proxecto sólido, solvente, con principios e estratexia para a reconstrución do país”.

Acto PontevedraAval do goberno dos concellos

A líder nacionalista destacou o aval que supoñen os gobernos municipais do BNG, como no caso de Pontevedra, exemplos da capacidade para transformar en positivo á vida das persoas, de poñer en marcha proxectos que dinamizan desde o punto de vista económico e social as vilas e cidades, son a evidencia de que “hai outra forma de gobernar”.

Pontón deixou claro que o Bloque vai a por todas nestas eleccións porque Galiza precisa un Goberno coas mans libres, “como estamos vendo no Congreso, onde un deputado do BNG conseguiu máis que once anos do candidato do PP e se cun só deputado fomos capaces de poñer Galiza no mapa, que non seremos capaces de facer cun goberno liderado polo BNG, imos facelo posible, imos facer historia cunha muller presidenta para que este país gane o seu futuro”, concluíu.

Un goberno a favor da comarca

Pola súa parte o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, asegurou que “un goberno do BNG liderado por Ana Pontón será un goberno a favor de Pontevedra, un goberno aliado de Pontevedra que rematará con once anos de abandono e discriminación por parte da Xunta do PP”.

Afirmou que se Pontevedra conseguiu avanzar e ser un referente mundial en políticas urbanas coa administración da Xunta en contra, “imaxinemos que pode lograr esta cidade, esta comarca, cun goberno que aposte e apoie proxectos fundamentais para o desenvolvemento de Pontevedra e a súa área”. Nomeadamente lembrou cuestións pendentes como o saneamento da ría, a dragaxe do río, a mellora da asistencia sanitaria ou a mellora da rede viaria con criterios de mobilidade sustentable, así como tamén a construción da variante de Alba, proxectos paralizados pola “inoperancia e partidismo” do PP.

Na cita coas urnas do vindeiro domingo “trátase de apostar polo futuro, por un novo proxecto de país que lle dea un trato xusto a Pontevedra e aos concellos da súa área”, subliñou o cabeza de cartel, que animou a unha grande mobilización en toda a comarca “a favor do cambio galego, a favor dun novo goberno co liderado, o impulso e a enerxía que representa Ana Pontón, que será a primeira presidenta da historia de Galiza”.

 

Ana Pontón: “O cambio galego é máis posible que nunca se sumamos todo o voto de país no BNG para facer historia cunha muller presidenta”