Ana Pontón: “O BNG vai estar no Congreso co apoio desa maioría social que quere un futuro mellor para Galiza”

Consello Nacional
Consello Nacional

A candidatura do BNG ao Congreso estará encabezada por Nestor Rego (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Francisco García (Ourense) e Carme da Silva (Pontevedra)

Apela a “facerse valer” o 10N apostando pola única forza “coas mans libres” para defender @s galeg@s  da discriminación dos partidos estatais

Pistoletazo de saída cara ás urnas coa aprobación d@ cabezas de lista, estratexia e o programa electoral, incluíndo un chamamento á mobilización

 

O BNG arranca a preparación do 10N coa aprobación das persoas que encabezan as candidaturas, do programa e da estratexia electoral, convencido de que vai recuperar representación no Congreso co apoio desa maioría social cansa da discriminación con Galiza.

Unha maioría consciente de que a solución os problemas do país non vai vir nin do bipartidismo de sempre nin do baile de siglas dunhas forzas estatais que demostraron ter un denominador común: “o seu pasotismo con Galiza”, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, na súa intervención ante o Consello Nacional.

A única maneira de cambiar ese guión “é que o Goberno do Estado, -de calquera signo-, sexa condicionado por un partido coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas, que sexa condicionado por unha forza libre para facernos valer como país sen pedirlle permiso a ninguén, para construír unha Galiza cun futuro mellor na que vivir e traballar. Esa forza política foi, é e será sempre o Bloque Nacionalista Galego”, proclamou.

Por iso, Pontón mostrouse segura da volta ao Congreso co apoio dunha cidadanía que vai aproveitar a repetición electoral para recuperar voz propia no Estado.

“O 28A, tras duplicar votos, quedamos ás portas de obter representación, pero este 10N  témolo ao alcance da man, na punta dos dedos, porque estamos convencidas que a xente deste país tomou  boa nota do pasotismo con Galiza, tomou boa nota da inutilidade das forzas estatais que xogaron co seu voto, e vai apostar polo  BNG para ter unha voz propia en Madrid que defende os seus intereses ante o Goberno do Estado”, argumentou.

A líder nacionalista fixo un chamamento a toda a cidadanía “cansa da frivolidade, da inutilidade e do triste espectáculo” protagonizado polos dirixentes das forzas estatais: “non teñen que resignarse, desde o BNG demostramos que se pode facer política con altura de miras, con rumbo claro, con unidade, cun proxecto serio, pensando no mellor para os galegos e as galegas. Ese é o noso compromiso, iso é o que nos move”, recalcou.

Pontón aproveitou a súa intervención para denunciar que hoxe Galiza está desaparecida da axenda do Estado, “non está nos debates, non está nas negociacións, nos proxectos, nas inversións”, unha situación que vai mudar a partir do 10N.

“Ese día todas as persoas cansadas de tanto ninguneo e de tanta tomadura de pelo van optar polo BNG, tras constatar que sen o BNG no Congreso, Galiza perde. Hoxe, unha maioría ten claro que con subordinación ao Goberno de turno non se gana nada, ten claro que precisamos menos Madrid e máis Galiza se queremos conquistar un futuro mellor para este país”, recalcou, tras facer un chamamento á mobilización.

“Á militancia, simpatizantes, activistas sociais que queren que Galiza conte, hai que implicarse e mobilizarse porque temos ao alcance da man darlle voz propia desde o Congreso  a este país o próximo 10 de novembro”, concluíu.

Candidaturas solventes

Na súa intervención, a líder nacionalista puxo en valor a fortaleza dos  e das cabezas de cartel do BNG, que combinan solvencia, experiencia e renovación.

Mudan os cabezas de lista ao Congreso polas provincias de Ourense e Lugo. No primeiro caso, por razóns persoais de dispoñibilidade do que fora candidato o 28A, Iago Tabarés, que quixo igualmente ratificar o seu compromiso co proxecto do BNG pechando unha lista que pasa a liderar Francisco García, ex alcalde de Allariz, e un dos políticos de maior prestixio e traxectoria.

No caso de Lugo, a formación nacionalista aposta por Olalla Rodil, actual viceportavoz parlamentaria, despois de que o gran resultado electoral obtido polo BNG na cidade de Lugo levase a Maite Ferreiro a formar parte do equipo de goberno municipal e a asumir a vicepresidencia da Deputación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG