GALEGAS 2020

Ana Pontón: “O BNG está preparado para darlle un futuro digno a Galiza”

Ana Pontón
Ana Pontón

Pide deixar atrás o inmobilismo decadente de Feixóo apostando nas urnas polo proxecto “autocentrado, innovador e con futuro” que representa o Bloque

A mobilización masiva das persoas que queren cambio real permitirá facer historia e que unha neta de labregos “sexa a primeira muller nacionalista na Presidencia”

Acto de reencontro coa militancia tras a pandemia que Pontón simbolizou con tres cravos: branco para lembrar as vítimas; vermello de recoñecemento ás que loitaron en primeira liña e azul de admiración pola actitude do pobo galego

Ana Pontón: “O BNG está preparado para darlle un futuro digno a Galiza”
O BNG celebrou un acto nacional de reencontro coa militancia que, -respectando escrupulosamente o aforo e as medidas de seguridade sanitaria- congregou en Santiago a un cento de persoas no mesmo espazo que fai apenas uns meses abarrotou, sen as limitacións impostas pola COVID19, cun millar de militantes.

Marcado polo contexto derivado da pandemia, a portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, abriu a súa intervención cun triplo agradecemento simbolizado por tres cravos: branco, en lembranzas das 619 vítimas, para as que a mellor homenaxe, -recalcou-, “é unha sanidade pública de primeira e nunca máis a atención ás persoas maiores convertida nun negocio”; vermello, para todas as persoas, -a maioría mulleres-, “que nos coidaron e deron o mellor de si nos momentos máis duros”; e azul, de “admiración” polo pobo galego “que demostramos ser capaces cara ás dificultades desde a solidariedade e coa man tendida”.

Para todas Pontón pediu un gran aplauso “desde o corazón”, como previamente fixera a portavoz municipal de Santiago, Goretti Sanmartín, citando con nome e apelidos ás persoas presentes no acto do sector sanitario, dos coidados, dos servizos básicos ou dos sectores produtivos, esenciais na loita contra o virus.

A pandemia trouxo profundas mudanzas, salientou a líder nacionalista, pero hai unha cuestión que ten máis vixencia que nunca: a necesidade de abrir un tempo novo logrando un cambio galego nas urnas da man do BNG. “Estou máis ilusionada que nunca coas posibilidades que ten o Bloque de obter un gran resultados o 12X e poder cambiar o rumbo do país nos vindeiros anos, teño máis ilusión que nunca con que consigamos escribir unha páxina na historia, facendo que por primeira vez Galiza teña unha muller e unha nacionalista presidenta, neta de labregos e filla de xente humilde e traballadora”, proclamou.

Acto público SarPontón deixou claro que ante as urnas só hai dúas opcións: ou o inmobilismo do PP ou o cambio galego do BNG, para saír adiante dunha crise que deixa miles de persoas nun ERTE, ERE, no paro, que deixa a miles de autónomos pendentes dun fío e, neste escenario, o BNG “non vai permitir que a paguen @s de sempre”.

“O 12X temos a oportunidade de abrir portas e ventás e que entre aire fresco na Xunta, a oportunidade de abandonar o inmobilismo, o conservadurismo dun Feixóo que se esconda tras a pandemia para agochar once anos de fiasco que nos deixan unha Galiza en crise económica, social e política; para deixar atrás o fiasco de once anos de submisión, antes a Raxoi e agora a Casado; unha Galiza con cero transferencias nunha década, cun avellentamento galopante e cunha crise demográfica reflexo da agónica situación socioeconómica e laboral que nos deixa o candidato do PP”, alegou.

BNG vs burato negro do centralismo

Pero hai alternativa para lograr un cambio real, á que representa “o proxecto autocentrado, innovador e futurista” do BNG, -proclamou-, en contraposición ao resto de forzas políticas que ofrecen “máis dependencia do burato negro absorbente do centralismo”. Por contra, “o Bloque ofrece máis Galiza e menos Madrid, e somos a única forza capaz de ofrecer unha solución de futuro con garantías, con seriedade e con solvencia contrastada, porque somos unha forza de fiar”, alegou. Por iso, proclamou rotunda Pontón: “O BNG está preparado para darlle un futuro digno á xente deste país”.

Candidatura da ilusión capaz de dar a badalada o 12X

A líder nacionalista salientou que a candidatura que representa “xera cada día máis ilusión, simpatía e adhesións” de aí o seu convencemento de que Bloque vai “dar a badalada” o 12X e Galiza poderá escribir unha nova páxina na historia “un goberno liderado por unha presidenta nacionalista cun proxecto de futuro para a nosa nación”.

A líder nacionalista foi moi crítica coa xestión de Feixóo durante a pandemia, “o único galego que desentoou”, -declarou- porque nin durante a pandemia foi capaz de renunciar a facer “oportunismo” utilizando “de xeito obsceno” a TVG para seguir en campaña. “Pero nin así vai conseguir que unha mobilización masiva de todas as persoas que queremos un cambio galego lle amarguemos a noite electoral”. Un candidato do PP cuxo principal mérito na crise da COVID19 foi “aproveitarse” dos dous grandes erros do Goberno do Estado: non ter pechado Madrid e o mando único, “que lle serviu a Feixóo como coartada para agocharse e eludir responsabilidades”.

O cambio galego en marcha 8Un hábito, o de tirar balóns fora, do que é asiduo practicante, “como demostrou coa fraude de PEMEX ou agora con ALCOA”, denunciou, ao tempo que advertía contra “un Feixóo que sempre quere poñerse medallas por méritos que non son seus”, como agora no caso do levantamento do estado de alarma “que é froito do traballo conxunto da sociedade galega”.

Pontón reflexionou sobre o feito de que “das grandes crises xorden novas oportunidades, son ocasións para mudar, para cambiar, para deseñar e impulsar un futuro diferente e mellor”, e para conseguilo pide apostar por “solucións xenuinamente galegas apoiando ao BNG” na vindeira cita coas urnas.

“O 12 de xullo imos a unhas eleccións nunhas circunstancias diferentes, pero agora que se fala tanto da nova realidade ou de distancia social, que dicir que non hai distancias entre todos e todas as que estamos unidas polo amor a este país e pola convicción de que Galiza ten un futuro prometedor se rompe co inmobilismo, se rompe co centralismo e apostamos con forza por quen pode traer futuro e properidade a esta terra: o BNG”, concluíu.

O acto contou coas intervencións políticas dos cabezas de lista Xosé Luís Rivas (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo); Noa Presas (Ourense) e Xosé Luís Bará (Pontevedra”, e candidatas como Montse Prado e Alexandra Fernández, nun acto conducido por Xuxo Souto.

 

RELACIONADO:

Álbum de imaxes do acto O CAMBIO GALEGO EN MARCHA.

 

Ana Pontón: “O BNG está preparado para darlle un futuro digno a Galiza”