Ana Pontón: “O BNG pide a retirada do POEM porque en Galiza a eólica mariña non é compatible coa supervivencia da pesca”

Encontro pesca
Encontro pesca

Suporía a destrución de 64.000 empregos directos no mar, alega, e Galiza non pode ser nin botín das eléctricas, nin colonia enerxética de Madrid

Pide volver ao acordo unánime do Parlamento de 2009 contra a eólica mariña, porque os argumentos dese acordo seguen plenamente vixentes

O Bloque defende ás enerxías limpas, pero sen que iso implique a destrución de sectores produtivos estratéxicos para o País

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo un encontro con representantes do sector pesqueiro de Galiza para abordar e analizar a repercusión que ten para a frota galega os parques de eólica mariña anunciados polo Goberno do Estado, que pon en risco o futuro dun sector estratéxico para o País.

A líder do BNG indicou que en Galiza a eólica mariña e o sector pesqueiro son incompatibles, explicando que “ou se protexe ao sector pesqueiro, estratéxico para Galiza, con 31.000 postos de traballo directos da pesca, ou se posta pola súa destrución para que se sigan enriquecendo as eléctricas, mentres Galiza se converte nunha colonia enerxética de Madrid por terra, mar e aire”.

Nuns días nos que se pon de exemplo o parque eólico flotante de Viana do Castelo, o sector do país veciño afirma que os efectos deste parque sobre a pesca foron devastadores, acabando, literalmente, coa pesca na zona. Pontón indicou que “mesmo un país como Noruega está reconsiderando a situación da eólica polo gran impacto que está provocando no seu sector pesqueiro”.

Neste momento, dixo a portavoz nacional, o Goberno do Estado, “co silencio cómplice do Goberno da Xunta”, pretende instalar o 43% da eólica mariña nas costas galegas. Estamos falando de 2.200 quilómetros cadrados de costa para a eólica mariña, coa  perda de miles de postos de traballos nun sector clave na economía, o que a líder do Bloque cualificou de “golpe mortal”.

Encontro pesca
Encontro pesca

Segundo os datos solicitados pola Xunta ao departamento de Economía aplicada da USC do ano 2019, explicou, “a pesca representa case o 2% de todo o PIB de Galiza e 31.000 postos de traballo directos”. Se nos referimos ao sector do mar, (pesca, marisqueo, miticultura, piscicultura e conserva), increméntase porque supón o 4,8% do PIB galego, cunha facturación de cerca de 12.000 millóns de euros e 64.000 postos de traballo directos.

“Temos o País cheo de encoros, 4.000 muíños de vento nos nosos montes e están proxectados moitos máis. E agora dísenos a Galiza que na súa costa ten que soportar case a metade de todos os aeroxeneradores da eólica mariña do Estado” denunciou Pontón, engadindo que “basta de que Galiza, o noso monte a agora o noso mar, teña que pagar todos os custes ambientais, económicos e sociais de producir enerxía sen recibir nada a cambio”.

O BNG súmase ás propostas do sector pesqueiro

Para o BNG o Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) debe ser retirado de inmediato porque “non se pode permitir que o lobby eléctrico faga caixa cos recursos naturais galegos deixando sen medio de vida á xente do mar. A eólica mariña e a defensa do sector pesqueiro non son compatibles”, recalcou. Pontón afirmou que “defenderán esta idea tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento Europeo”.

Deste xeito, o Bloque apoia as peticións do sector pesqueiro galego cunha proposta que se divide en cinco puntos fundamentais. En primeiro lugar, retirada inmediata dos plans de eólica mariña do Goberno central; en segundo lugar, na declaración da costa galega zona excluída de eólica mariña para garantir o futuro do sector pesqueiro; en terceiro lugar, a preservación do sector pesqueiro e o futuro de miles de familias que viven do mar.

A portavoz nacional, en cuarto lugar, indicou “a necesidade de que o Parlamento galego retorne ao consenso unánime de 2009, para deixar Galiza libre de eólica mariña porque esa petición sigue sendo igual de válida que antes”. E en quinto lugar, concluíu dicindo que “non pode ser que a aposta polas enerxías limpas, que o BNG apoia totalmente, se faga a costa de destruír os nosos sectores produtivos.”

Á xuntanza asistiron representantes da Federación estatal de confrarías, encabezado polo seu presidente, Basilio Otero; o portavoz da Plataforma en Defensa da Pesca, Torcuato Teixeira, e representantes da CIG-Mar, como Xabier Aboi. Tamén estiveron presentes Néstor Rego, deputado no Congreso; a deputada e portavoz de pesca nacionalista, Rosana Pérez; o deputado de deportes e novas tecnoloxías, Daniel Castro; e a deputada de comercio, Carmela González.

 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG