Ana Pontón: “O BNG marca a diferencia e esa diferencia é maior rebaixa das peaxes da AP-9 da historia”

Ana Pontón
Ana Pontón
Beneficiará ás 20.000 persoas usuarias que cada día usan a autoestrada. “O BNG conseguiu máis cun deputado no Congreso que Feixóo en once anos de Goberno”, salienta
Ana Pontón: “O BNG marca a diferencia e esa diferencia é maior rebaixa das peaxes da AP-9 da historia”

Sen o acordo de investidura pactado entre BNG e PSOE os orzamentos do Estado de 2021 non recollerían hoxe 50 millóns de euros para rebaixar as peaxes da AP9, unha rebaixa histórica no custe das viaxes da que se beneficiarán os 20.000 galegos e galegas que cada día usan esta autoestrada que percorre Galiza de Norte a Sur. Así de clara se expresou a portavoz nacional, Ana Pontón, na súa valoración das contas públicas estatais para o vindeiro exercicio.

“Creo que podemos felicitarnos porque grazas ao acordo logrado polo BNG, os galegos e as galegas van pagar menos o ano que vén polas peaxes da AP-9. Estamos ante a rebaixa de peaxes máis importante da historia da AP-9 e iso é o froito do traballo do BNG no Congreso e demostra a utilidade de ter unha voz propia non subordinada ás forzas estatais”, argumentou a líder nacionalista durante un almorzo informativo mantido en Pontevedra.

“Durante décadas PP e PSOE o que fixeron foi alternarse no Estado na ampliación da concesión e tamén no incremento das peaxes, pero hoxe hai un punto de inflexión grazas ao traballo do BNG, e vemos como un deputado nacionalista, Nestor Rego, é capaz de marcar a diferenza  e conseguir unha rebaixa que vai beneficiar dunha maneira moi importante ás máis de 20.000 persoas que cada día teñen que circular por esta AP-9”, recalcou.

“O BNG marca a diferenza e esa diferenza chámanse 50 millóns de euros nos Orzamentos de 2021 para rebaixar as peaxes”, proclamou, tras deixar claro tamén que a formación nacionalista non se conforma con iso. É un primeiro paso importante que ademais vai repercutir dunha maneira directa na cidadanía nun momento de crise económica, “e noso compromiso é seguir traballando para defender os intereses de Galiza nas contas do Estado porque nos estamos xogando moito e precisamente nun momento coma este é importante o investimento público e que teñamos os investimentos que nos merecemos”.

O obxectivo final é conseguir a gratuidade desta autoestrada e que sexa transferida a Galiza, e nese obxectivo os 50 M€ recollidos nos orzamentos do Estado é un paso importante na dirección marcada no acordo de investidura.

A líder do BNG tamén se felicitou porque as contas estatais de 2021 recollen outras dúas propostas que figuraban no acordo de investidura: a gratuidade do tramo Vigo-Redondela e o feito de que a subida do 1% vinculada ás obras da Ponte de Rande tampouco será repercutida nas persoas usuarias.

“Esta é unha excelente noticia para a veciñanza de Vigo, de Redondela, de Pontevedra e de toda a franxa atlántica”, subliñou, “a AP-9 simboliza a utilidade que está tendo o BNG á hora de defender os intereses dos galegos e das galegas ante o Goberno do Estado, pero imos seguir traballando para mellorar o trato a Galiza durante a tramitación dos orzamentos de 2021”, concluíu.

 

Ana Pontón: “O BNG marca a diferencia e esa diferencia é maior rebaixa das peaxes da AP-9 da historia”