Ana Pontón: “O BNG é hoxe máis necesario que nunca para defender Galiza”

O BNG conmemora 100 anos de nacionalismo lembrando en Lugo a primeira Asemblea Nacionalista de 1918

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que “o nacionalismo é hoxe  máis necesario que nunca para defender Galiza”. Nun acto organizado en Lugo para lembrar os 100 anos da primeira Asemblea Nacionalista de 1918, a líder do BNG destacou  o papel “determinante” do nacionalismo que fai que, a día de hoxe, os grandes debates políticos do país se correspondan maioritariamente con iniciativas políticas do BNG.

Para a portavoz do BNG é necesario volver a vista atrás pero non con afán histórico ou memorialista, senón para reivindicar a necesidade e  vixencia do nacionalismo. O nacionalismo galego, recalcou, é moito máis que unha organización política, “é un movemento social, transformador, de progreso e de modernidade”.  Un movemento emancipador, a favor da diversidade, da xustiza social, a igualdade e solidariedade entre os pobos.

Celebramos o primeiro centenario do nacionalismo galego coa ollada posta no futuro e coa man tendida a todas as persoas que comparten con nós o amor por Galiza. Festexamos este centenario con máis ganas que nunca, “cun BNG forte e cohesionado, que traballa con humildade, pero con paso firme e sobre todo cunha idea clara: Galiza non ten que resignarse a un presente precario, nin a un futuro incerto”. Temos un  enorme potencial, pero cun goberno que non ten proxecto para Galiza, e un estado centralista que nos marxina, afirmou.  

Hoxe, reivindicamos a vixencia do nacionalismo. “Somos nacionalistas porque o pobo galego existe e  Galiza é unha nación e ten dereito á súa autodeterminación.

TEMPO DE MUDAR O RUMBO

Para a portavoz nacionalista, só  a través dun programa político ambicioso, Galiza estará no mapa  entre as nacións máis avanzadas de Europa. Para isto, dixo, é preciso “mudar o rumbo” con medidas de protección ás  terras fértiles e  rías limpas e produtivas. Queremos xestionar racionalmente o noso monte, protexelo do lume e da peste do eucalipto e de ENCE. Queremos  estaleiros coas gradas cheas. Construír barcos e non  desfacelos a base de subvencións europeas. Un país cun banco de terras e banca propia, pública e  comprometida co tecido produtivo, a innovación e  desenvolvemento.

“Un país coa enerxía do vento e do talento”.  Investigación,  coñecemento, innovación. A patria da xenómica, da biomedicina, da enxeñaría espacial, da acuicultura... Da ciencia e da conciencia da que naceron Zeltia e mil empresas máis.

Unha nación como espazo de convivencia, de  xustiza,  equidade e  benestar. Unha  vida digna. “Porque non hai mellor política social que a que aposta por poñer o país a producir, por desenvolver todo o seu potencial, por crear riqueza e emprego de calidade e por garantir desde o público servizos e dereitos para toda a poboación”.

O NACIONALISMO MIRA AO FUTURO

“Levamos cen anos coa luz do nacionalismo acesa. Nos guían  As Irmandades, Nós, o Seminario de Estudos Galegos, o Partido Galeguista, a defensa do Estatuto, os proxectos culturais, económicos e sociais do nacionalismo, a Tripla Alianza e Galeuzka, a loita contra o fascismo,  e a resistencia antifranquista e hoxe continuamos  traballando para acadar un  feminismo real, defendemos  o ecoloxismo, o sindicalismo, as loitas obreiras,  o monte comunal, o territorio e a paisaxe,  a nosa  lingua, o sindicalismo nacionalista, os dereitos LGTBI, medios de comunicación en galego, e cidades humanizadas e saudábeis.  

Nós só somos continuadores dun pensamento e unha praxe política que atravesa toda a historia contemporánea de Galiza. O mesmo soño político que tiñan aquelas persoas que hai cen anos redactaron o Manifesto da Asemblea nacionalista de Lugo, e que  dá pleno sentido  ao noso compromiso político.

SOMOS UNHA NACIÓN

Hai cen anos, explicou  Pontón,  celebrouse en Lugo a I Asemblea Nacionalista, acta fundacional do nacionalismo galego contemporáneo, e o BNG conmemora esta data  cunha campaña baixo o lemaSomos unha nación.

O acto central da campaña volve hoxe á Porta Bispo Aguirre en Lugo na que tivo lugar esa I Asemblea Nacionalista, “para deixar claro que existe unha alternativa sólida  á dependencia do Estado que o PP reserva para Galiza.   

 Xunto co acto central en Lugo, o BNG despregará unha campaña polas distintas cidades e vilas galegas e nas redes sociais con audiovisuais pedagóxicos e divulgativos dos diferentes fitos do nacionalismo. A imaxe deseñada por Leandro Lamas,  “recolle a idea do nacionalismo como proxecto colectivo que inclúe todas as loitas xustas,  como o feminismo, a igualdade, a defensa do territorio, e o combate contra todas as dominacións e a reafirmación de Galiza como nación”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG