Ana Pontón: “O BNG é a garantía de cambio real fronte o bipartidismo e o ‘rupturismo’”

Ana en Rianxo
Ana en Rianxo

Destaca a capacidade de transformar do BNG que mellora a vida da veciñanza poñendo como exemplo a política social de vivenda en Rianxo

Ana Pontón: “O BNG é a garantía de cambio real fronte o bipartidismo e o ‘rupturismo’”

A portavoz nacional, Ana Pontón, coñeceu de primeira man un proxecto de vivenda social do Goberno local de Rianxo, un exemplo máis de como o modelo municipal do BNG transforma en positivo mellorando a vida das persoas. Un modelo que funciona e que, recalcou, é a única garantía de cambio real nos concellos fronte as fórmulas fracasadas do bipartidismo de sempre e fronte aos que viñan cambialo todo pero nin deixan unha xestión eficiente.

Por iso, a líder nacionalista instou a todas as persoas que reclaman un cambio transformador desde os concellos a que o 26M collan a papeleta BNG.

“Quixera deixar unha mensaxe clara de cara o 26M: Os galegos e as galegas que apostan por un cambio real nos concellos a súa opción é o BNG, porque somos a garantía dun cambio real nos concellos fronte ao vello bipartidismo de sempre e fronte a esas políticas do 'rupturismo' que nos dicía que ía cambialo todo pero que ao final no foi capaz nin tan sequera de xestionar o día a día”, argumentou Pontón.

Por contra, o modelo municipal de éxito do BNG. “Onde gobernamos transformamos vilas e cidades, cun proxecto sólido, que mellora a vida das persoas e demostra con feitos que logra concellos cun urbanismo sostible, ben xestionados, honestos, feministas e con orgullo da nosa identidade, a nosa cultura e a nosa lingua. Esta é a proposta do Bloque para o 26M: estender un modelo municipal de referencia, un modelo que funciona e sendo  garantía de cambio real”.

Pontón puxo o proxecto de vivenda social en alugueiro que desenvolve o goberno de Rianxo, -liderado polo actual rexedor e candidato á reelección, Adolfo Muíños-, como un exemplo de goberno “a favor das persoas” que identifica ao BNG. Pese a non ter competencias en materia de vivenda, “aposta por políticas de inclusión social, de integración, que non deixan a ninguén atrás e que tenden a man ás persoas, as familias con menos recursos”.

Unha proposta nas antípodas dun PP “que salvaba á banca mentres se desafiuzaba a miles de persoas sen alternativa algunha”, por contra o Bloque defende unha política social de vivenda con medidas como que os inmobles da SAREB se transfiran ás administracións públicas “para poder cubrir demandas sociais de vivenda, debería ser unha proposta que asumira o goberno do Estado”.

Pontón tamén denunciou como o PP “no que milita Feixóo”, onde tiña responsabilidade de goberno, “vendeu miles de vivendas de protección a fondos voitre sen ningunha garantía para as familias ou deixando sen posibilidade de emanciparse á xente moza que non pode pagar un aluguer aos elevados prezos de mercado fronte aos seus salarios”, argumentou.

Pola súa parte, o alcalde e candidato, Adolfo Muíños, destacou a importancia deste proxecto de rehabilitación de vivendas.

Restauración urbana e política social

 “A restauración dunhas antigas vivendas de [email protected] que levan 50 anos abandonadas pero que agora cobran nova vida para facilitarlle unha vivenda digna con aluguer social a familias con poucos recursos ou, por exemplo, a vítimas de desafiuzamentos”. Trátase, explicou, dun proxecto que combina rehabilitación urbana no centro do concello e política social.

“Énchenos de orgullo poder facer esta actuación porque predicamos e damos exemplo con este paquete de vivendas con prezos sociais, e as catro primeiras estarán listas nun par de meses”, indicou Muíños.

Desde o goberno de Rianxo, indicou o alcalde e candidato, “non nos resignamos a non ter vivenda social” para atender as familias que a precisan, e por iso, ademais dunha segunda fase que completará a rehabilitación das antigas casas das mestras, anunciou que dispoñen dunha parcela que ofrecerá para a construción de vivenda a prezos accesibles.