Ana Pontón avoga por un novo marco de relación bilareral Galiza-Estado para negociar o financiamento

Ana Pontón
Ana Pontón

Critica “o café para todos” e pide un concerto económico galego para recadar impostos, decidir o gasto dende Galiza e blindar os servizos públicos

Ante a reunión do consello de Política Fiscal e Financeira para decidir o déficit e débeda pública das Comunidades Autónomas, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón reclamou un novo marco que posibilite unha “relación bilateral Galiza-Estado”.

A nacionalista, que cualificou a reunión de Política fiscal como un “trámite” na que o goberno presentará a mesma proposta de teito de gasto e de déficit público rexeitada polo Congreso o pasado 27 de xullo, asegurou que todo indica que o guión será o mesmo na reunión do Consello de Política Fiscal.

Pontón manifestou que “Galiza está ausente” e o Partido popular non defenderá no Consello de Política fiscal os intereses xerais dos galegos e galegas porque a súa posición é defender as consignas partidistas ditadas polo PP de Madrid. Ante un debate desta envergadura, dixo, constatamos que, unha vez máis a Xunta é “incapaz” de defender a Galiza levar  unha proposta para blindar os servizos públicos, recursos para políticas de creación de emprego, cubrir necesidades sociais ou coidar o noso medio ambiente.

SÁNCHEZ MANTÉN O MESMO MARCO DO PP

A portavoz do BNG tildou de “continuístas e neoliberais” a proposta do Goberno do Estado porque mantén o mesmo marco centralista imposto polo  Partido popular ao que sumou recursos adicionais insuficientes para compensar unha década de recortes con graves consecuencias.

A política de investimento inflúe no emprego e en Galiza temos menos emprego que antes do inicio da crise, explicou. A baixada do paro ven provocada polo descenso da poboación activa e non coa xeración e emprego real o que demostra que “a política económica está a faiar”

A POLÍTICA DE  CAFÉ PARA TODO PREXUDICA A GALIZA

Para Pontón, Pedro Sánchez equivócase mantendo un marco deseñado polo Partido popular “involutivo e negativo” apoiado por unha  lei de estabilidade “regresiva, que  limita o gasto público e representa un ataque ao autogoberno de Galiza e a autonomía municipal”.

Dende o BNG, consideremos que é urxente un cambio de modelo e priorizar as necesidades da sociedade galega a través da  modificación da política de  “café para todos”, unha política que non atende á situación económica, social e demográfica en Galiza. A nacionalista reiterou que Galiza necesita “unha relación bilateral co Estado” cun novo modelo para decidir o endebedamento, e as prioridades de gasto.

O modelo  centralista mediatiza os orzamentos galegos e mesmo impide utilizar recursos aos concello con superávit  polas restricións de investimento público impostas no seu momento, engadiu a  portavoz do BNG que volveu volveu a cuestionar a Lei de estabilidade do Partido popular e avogou por un novo marco que respecte a autonomía municipal.

DOBLE SUSPENSO PARA O PSOE E PP

A portavoz nacionalista afirmou que tanto o PSOE, con Sánchez á cabeza, como o  Partido popular “suspenden” por non impedir un novo modelo de financiamento, suspenso, dixo que resulta  “maiúsculo” no caso de Feixóo  que durante estes anos non foi capaz de anunciar ningunha proposta e  mesmo, a  estas alturas “seguimos descoñecendo no Parlamento galego cal é a proposta da Xunta de Galiza”.

Para  Ana Pontón, o debate no vindeiro período de sesións debe centrarse no modelo de financiamento polo que volveu  a defender  o Concerto Económico Galego proposto polo BNG  para recadar todos os impostos e  decidir dende Galiza os niveis de gasto.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG