Ana Pontón avanza que o BNG levará ao debate de investidura un plan de choque de 200 M€ para reforzar atención primaria

Concello de Moaña
Concello de Moaña

Os recortes na sanidade son un “sinal de identidade” do Goberno do PP, chegando ao punto de que Feixóo marcha declarando o “colapso” da Atención Primaria

Propostas: convocar as prazas vacantes, ampliar a carteira de servizos con fisioterapia e psicoloxía nos centros de saúde e recuperar as xerencias de primaria

Hoxe en Moaña, onde 2.870 persoas non teñen médico de cabeceira asignado, exemplo dun concello cuxa veciñanza soporta os recortes

Ana Pontón avanza que o BNG levará ao debate de investidura un plan de choque de 200 M€ para reforzar atención primaria

A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo en Moaña visitando coa alcaldesa, Leticia Santos,  un centro de saúde do concello cuxos recortes en persoal e servizos están a pagalos a veciñanza, igual que sucede no resto de Galiza, porque “os recortes na sanidade pública son un sinal de identidade do Goberno do PP, en particular en atención primaria”, denunciou a líder nacionalista.

A situación de recortes na sanidade pública non afecta só a Moaña, senón á práctica totalidade dos centros de saúde e ó conxunto da cidadanía, “tras trece anos de  Executivo popular e cun Feixóo que se despide de Galiza declarando con total desfachatez que a atención primaria está colapsada como se non fose consecuencia dos recortes do Goberno do PP”.

A sanidade e unha conquista fundamental e por iso Pontón avanzou que será unha cuestión central nas propostas que a formación nacionalista levará ao debate de investidura.

“Imos levar ó debate de investidura un plan de choque de reforzo da atención primaria de 200 millóns de euros, a ampliación da carteira de servizos como psicoloxía o fisioterapia nos centros de saúde e que se convoquen todas as prazas vacantes do Sergas”, destacou. Igualmente, o Bloque vai defender que se recuperen as xerencias de atención primaria, con recursos e con capacidade de decisión.

“Detrás do colapso están os recortes e as decisión dun Goberno do PP e teñen como consecuencia o desmantelamento dunha peza clave no sistema público de saúde, porque é a porta de entrada á sanidade”, indicou.

Concello de Moaña
Concello de Moaña

A veciñanza de Moaña, igual que noutras moitas partes do País, leva meses dicindo “basta xa” a tanto deterioro da atención primaria, e demanda unha aposta “seria” para recuperar e mellorar servizos para que todas as persoas, calquera que sexa a súa situación ou lugar de residencia, teñan acceso a unha sanidade pública sen listas de espera e libre de recortes.

No caso concreto de Moaña, “tiñan un servizo de urxencia que hoxe non teñen, catro facultativos de tarde que hoxe non teñen e, como consecuencia, soportan listas de espera para pode ver ao médico ou médica de familia. Esa é a realidade que sofre calquera persoa que se poña enferma en Moaña, onde 2.870 veciños e veciñas carecen de facultativa asignada, o que provoca que cada vez sexan atendidos por un profesional diferente co evidente deterioro da calidade asistencial”, destacou Pontón tras o encontro co alcaldesa.

A ese deterioro hai que sumar demandas non atendidas, como a solicitude dunha ambulancia, pese a que se trata dun concello que nos meses de verán multiplica a súa poboación. “Desde o BNG imos reforzar a presión no Parlamento para que se cubran as prazas vacantes, para que se dote a Moaña do suprimido PAC e que se reforcen os servizos de urxencias”, indicou Pontón.

21 semanas de mobilizacións consecutivas dan conta do descontento da veciñanza, reclamando que se cubran as prazas vacantes tras o concurso de traslados. Ademais, non se recuperou o PAC, senón que as urxencias que se trasladaron provisionalmente a Cangas pola pandemia, seguen se recuperarse pese a volta á normalidade, explicaba a alcaldesa.

“Pedimos a volta das urxencias, un reforzo das ambulancias e a cobertura das vacantes de médicos, porque hai 2.870 persoas sen facultativo de referencia”, sintetizou Santos, quen destacou que a Consellería de Sanidade é coñecedora da situación pero sen aportar solucións, e reclamou unha sanidade pública “accesible” a toda veciñanza.

 

 

Ana Pontón avanza que o BNG levará ao debate de investidura un plan de choque de 200 M€ para reforzar atención primaria