Ana Pontón avanza unha alternativa do BNG aos orzamentos “insolidarios, insolventes e propagandísticos” do PP

Ana Pontón
Ana Pontón

Insolidarios, porque mentres lle rebaixan 4.415€/ ano en impostos a 7.700 millonarios, as pensións máis baixas de 38.000 galegos e galegas soben 14€/ano

Insolventes, porque presentan previsións de aumento de PIB e de emprego xa desmentidas polos expertos e pola AIREF

Propagandísticos, porque presumen de sociais pero descontando a inflación os recursos en educación e sanidade son menos que en 2009

A portavoz nacional, Ana Pontón, afondou na valoración do proxecto de orzamentos de 2023 avanzando que o BNG vai presentar unha proposta alternativa a unhas contas do Goberno do PP que son “insolidarias, insolventes e propagandísticas” e que, lonxe de fortalecer Galiza ante a maior crise de prezos en corenta anos, “a debilita”.

Son uns orzamentos insolidarios, explicou a líder nacionalista,  porque recollen un agasallo fiscal de 34 millóns de euros ás 7.700 persoas con máis patrimonio de Galiza, a través dunha baixada do imposto de patrimonio que supón para esta minoría de millonarios pagar 4.415 € menos cada ano. Por contra, aos 38.000 galegos e galegas con pensións non contributivas, as máis baixas e que apenas superan os 400 euros ao mes, estes orzamentos recollen unha subida de 14 € ao ano.

Son insolidarios porque o PP “segue abrazado ao lobby eléctrico” e, mentres veta a tarifa eléctrica galega,  aproba pola porta de atrás vía lei de acompañamento unha modificación que “desprotexe o territorio a favor do boom eólico depredador, os intereses das eléctricas por riba dos galegos e as galegas que pagan facturas de luz que son unha estafa”, critica.

Pontón incidiu en que as contas presentadas polo presidente da Xunta son insolventes porque están baseados en datos que xa foron desmentidos tanto por informes de expertos como pola AIREF. Empezando pola subida do 1,7% do PIB anunciada o mesmo día que o informe do BBVA lle daba a Galiza un incremento cero, “o peor dato de todas as comunidades autónomas”.

“O señor Rueda asegurou que Galiza ía recuperar a riqueza que tiña antes da pandemia, pode explicarnos como cun crecemento cero do PIB?”, interpelou Pontón, tras destacar que o Goberno do PP remitiu en agosto a documentación do teito de gasto ao Parlamento cunha previsión do 2,7% de subida do produto interior bruto, “apenas dous meses despois xa cae ao 1,7%, ese é o nivel de solvencia”. Ademais, a AIREF á que apela o Executivo popular estima que, en todo caso, Galiza medrará tres veces menos do que asegura o presidente da Xunta e tanto esta entidade como o BBVA rectifican a baixa a previsión de emprego que figura nas contas. É máis, lonxe de medrar un 0,7%, os expertos vaticinan unha caída do -0,3%.

Estamos tamén ante uns orzamentos propagandísticos co empeño do Goberno do PP en cualificalos como os máis sociais da historia. Pero a realidade é que, descontando a inflación, -fundamental-, a sanidade e a educación públicas teñen menos recursos que en 2009. Pero aínda ao marxe do IPC, o peso de sanidade no conxunto dos orzamentos permanece invariable no 34,3% e no caso de educación perde peso, ao pasar de representar o 21,5% do total neste exercicio a 20,09% para as contas de 2023.

Un 4% máis para educación privada e concertada

“O que si medra, un 4% son os cartos que o PP destina a educación privada e concertada con 273 M€, explicou.

Baixando ao detalle, indicou Pontón, os 137 M€ de atención primaria son para sufragar a subida salarial así como o gasto e as transferencias correntes, pero nin un euro máis para reverter os recortes en persoal sanitario durante trece anos, “pese ás listas de espera de até quince días para ir ao centro de saúde ou ao peche continuado de PACs por falta de persoal sanitario; nin nada tampouco para dotar a atención primaria de novos servizos como fisioterapia ou psicoloxía clínica, tendo en conta que o 30% das consultas ao médico ou médica de cabeceira son vinculadas á saúde mental”.

A líder nacionalista avanzou unha alternativa do BNG a estes orzamentos aos que presentará unha emenda á totalidade, con propostas como un plan de choque de 200 M€ para reforzar atención primaria, “porque non son os presupostos que precisa Galiza nesta conxuntura de descontrol de prezos e, lonxe de fortalecer o País ante a crise, o debilitan”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG