Ana Pontón augura que o BNG de Sarria liderará o próximo goberno local “polo bo facer de Efrén”

Presentación Sarria
Presentación Sarria

A portavoz nacional, tamén sarriá, participou na presentación do candidato á Alcaldía coa militancia e responsables locais. “Hai un antes e un despois da chegada do BNG, foi un revulsivo”, destacou

Castro agradeceu o apoio da militancia e prometeu redobrar esforzos nun proxecto a favor da veciñanza

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación do candidato á Alcaldía de Sarria, Efrén Castro, no que se amosouse convencida que o actual tenente de alcalde liderará o vindeiro goberno municipal porque a veciñanza valorará o “gran traballo” desenvolvido polo BNG desde o concello no que vai de actual mandato.

“Efrén como tenente de alcalde e con Mónica (López) como concelleira de Cultura, Igualdade e Xuventude deron un exemplo do bo facer do BNG desde os goberno municipais, demostraron que con proxecto, con ideas e con entrega é posible mellorar a vida das persoas desde os concellos”, salientou Pontón, “imaxinade o que van poder facer liderando o goberno municipal de Sarria tras as próximas elección locais”.

Para a dirixente nacionalista, que presumiu de sarriá, a presenza do Bloque no goberno local “foi un estímulo en materia de benestar social, cultural e de igualdade”.

“Pero, -salientou-, queda moito por facer e para que este concello siga avanzando e o faga con forza é preciso un liderado claro do BNG tras as próximas eleccións municipais e estou convencida de que a veciñanza dará o seu apoio a un proxecto que ten demostrado que é posible unha Sarria con dinamismo cultural, económico e social”.

“Sempre se poden criticar fallos, pero ninguén en Sarria dubida de que a presenza do BNG foi un revulsivo no goberno local, hai un antes e un despois, porque temos un proxecto para este concello apostando polas potencialidades desta vila e por colocar no centro de actuación ás persoas. Para que avance Sarria precisamos que Efren lidere o vindeiro Goberno municipal”, indicou a portavoz nacional.

Concellos BNG, marca de calidade

Pontón presumiu dos resultados dos concellos gobernados polo Bloque porque “levan anos demostrando que temos un proxecto ilusionante e transformador, os concellos BNG son unha marca de calidade e demostramos que temos alternativas aos problemas, solucións para mellora a vida das persoas, para impulsar o comercio de proximidade, para abaratar o recibo da luz (como no concello de Muras), para rehabilitar cidades e vilas, (como en Ribadeo), capaces de coidar o patrimonio, promover a lingua e a cultura propias”.

“Queda moito traballo por facer e animo aos nosos concelleiros e a toda a organización local a seguir nesa dirección, a seguir construíndo ese proxecto común cos veciños e veciñas de Sarria para que nos permitan que tras as vindeiras eleccións Efrén sexa o próximo alcalde da nosa vila”, concluíu.

Pola súa parte o candidato expresou o seu agradecemento e o seu orgullo por ter recibido a confianza da militancia para revalidar como cabeza de lista, “porque iso implica un recoñecemento do traballo feito ao longo destes tres anos tanto por min como pola compañeira Mónica”, recalcou. Castro salientou que “redobrará esforzos para seguir avanzando nun proxecto capaz de mellorar a vida das persoas deste concello e para seguir ganando a confianza e o apoio da veciñanza”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG