Galegas 2020

Ana Pontón atribúe a posibilidade de recuperar o Pazo de Meirás ao traballo colectivo e de mobilización que sempre apoiou o BNG

19 de Meirás
19 de Meirás
Agarda que o xuízo na Audiencia da Coruña conclúa coa devolución do pazo en aras da xustiza coas vítimas e pola dignidade do pobo galego e como primeiro paso para recuperar o patrimonio espoliado polo franquismo

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, sumouse á concentración ante a Audiencia provincial da Coruña con motivo da celebración do xuízo para reclamar a devolución do Pazo de Meirás para o pobo galego, como primerio paso para facer “xustiza” coas vítimas do franquismo e tamén para a “recuperación da dignidade de todo un pobo”.

A líder nacionalista indicou que a celebración do xuízo era o resultado do traballo de moitos colectivos a prol da recuperación da memoria histórica, de moitas persoas a título individual e tamén, “o digo con humildade pero con realismo”, do BNG que leva máis de vinte anos reclamando a devolución do Pazo de Meirás e doutros ben espoliados pola ditadura, que seguen en mans dos herdeiros de Franco.

“Estamos aquí froito dun traballo intenso man a man cos diferentes colectivos de recuperación da memoria histórica, e por xustiza, para poñer fin a un espolio e por unha elemental reparación que lles debemos ás vítimas. Igualmente, como primeiro paso para deixar atrás os pozos negros que aínda quedaron pendentes e para avanzar cara unha política de recuperación da memoria histórica e cara unha democracia sólida e forte”, subliñou, “máxime ante os perigos que se derivan dunha extrema dereita que avanza por Europa”.

Pontón tivo unha mención especial para o historiador e candidato do BNG pola Coruña, Carlos Babio, cuxo traballo “arroxou luz sobre a gran mentira da adquisición dun pazo que non foi senón un espolio, é unha honra contar con el na lista do BNG pola Coruña”, dixo de quen soportou o acoso dos herdeiros de Franco, igual que os 19 de Meirás, sometidos a xuízo por pedir para o pobo galego o que é do pobo galego, moitos deles militantes nacionalistas, sobre os que aínda pesa a ameza de 247 anos de cadea e medio millón de euros de multa.

“Imos seguir traballando e facer toda a presión posible até que se logre a devolución do Pazo de Meirás pero tamén do resto do patrimonio roubado como a Casa de Cornide, para que se faga xustiza polas vítimas e pola dignidade do país”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG