Ana Pontón apunta ás eleccións municipais para comezar a construír un tempo novo en Galiza cun goberno liderado polo BNG

Encontro municipal
Encontro municipal

Destaca o cambio de ciclo no que o PP xa representa o pasado e advirte que se algunha experiencia ten Rueda co BNG é “o sabor amargo da derrota”

Aposta polo avance nacionalista nas municipais para construír concello a concello a Galiza en grande que o Bloque quere para o País á fronte da Xunta

Ana Pontón apunta ás eleccións municipais para comezar a construír un tempo novo en Galiza cun goberno liderado polo BNG

portavoz nacional, Ana Pontón, amosou o seu convencemento de que “o próximo Goberno galego liderado polo BNG vaise empezar a construír nas vindeiras eleccións municipais”, dado que Galiza se atopa inmersa nun cambio de ciclo, que comezou na noite electoral dos últimos comicios galegos cando os galegos e as galegas situaron ao Bloque como segunda forza política, “un cambio de ciclo no que o PP representa o pasado e o BNG representa o futuro”.

Así o manifestou no cumio municipal celebrado en Santiago no que participaron alcaldesas, alcaldes e responsables municipais de todo o País e co que, baixo o lema Galiza en grande, concello a concello, a fronte nacionalista activa a organización de cara ás municipais de 2023, un encontro no que Pontón asegurou que “comeza a conta atrás para que Galiza teña un Goberno liderado polo BNG que lle dea “futuro e esperanza” aos galegos e as galegas.

Neste sentido, a líder nacionalista incidiu en que se bota a andar un tempo novo que anticipa a “despedida da vella maneira de facer política que leva a Feixóo para Madrid” e que “nos está deixando a un actor secundario no seu posto”, en referencia ao actual vicepresidente en funcións, Alfonso Rueda, do que dixo que “se algunha experiencia ten co BNG, é o sabor amargo da derrota cada catro anos”.

“E eu comprométome a que imos continuar con esa racha dentro de dous anos nas eleccións galegas”, asegurou, logo de subliñar que Galiza “ten fame de cambio, de deixar atrás a desfeita destes anos de Goberno do PP e dun cambio galego que só pode liderar o BNG e que, segundo subliñou, “aspiramos a facelo desde a humidade, pero con toda a ambición de País” porque “quen chegou ao seu teito é o PP” e o Bloque “segue subindo”.

Pontón apelou en todo caso a ir “partido a partido, dando o mellor de nós para que este proxecto avance” e comezar así a construír esa Galiza en grande, “concello a concello”. Nesta liña, apuntou que a política desenvolvida polo BNG no ámbito municipal é sinónimo de “prestixio e de saber facer” como exemplificou nos casos de Pontevedra, Carballo, Allariz, Rianxo, Moaña, Poio, O Rosal, San Sadurniño, Ribadeo ou Muras, pero tamén naqueles outros nos que cogoberna, como é o caso de Verín ou Lugo, onde se mostrou convencida de que contarán con alcaldes nacionalistas nos vindeiros comicios locais.

Segundo recalcou, o Bloque ten desenvolvido modelos transformadores a nivel municipal que representan non só unha mostra de orgullo, senón tamén da política que o Bloque quere para Galiza: “conseguir que os galegos e as galegas vivan mellor e teñan futuro, nun País con mellores servizos públicos, que coide o seu territorio, que explote os seus recursos, que produza, que deixe de ter que mandar á mocidade á emigración e orgulloso da nosa lingua e da nosa cultura”, resumiu.

Logo de indicar que o BNG ten na casa os seus mellores referentes, “todo ese bo facer nos gobernos municipais que é un caudal inmenso para fornecer un goberno alternativo na Xunta”, a portavoz nacional apelou a “dialogar, expandir, ampliar e confiar” como chaves nas vindeiras eleccións locais. “Imos estar en diálogo permanente coa sociedade para presentar nas municipais as mellores candidaturas da historia do BNG”, afondou, para sinalar aos cargos institucionais e á militancia como unha das mellores ferramentas de cambio de transformación. “Imos a por todas, nas municipais e nas galegas”, concluíu.   

Ana Pontón apunta ás eleccións municipais para comezar a construír un tempo novo en Galiza cun goberno liderado polo BNG