Ana Pontón aposta en Ourense por abrir un novo tempo político para darlle un futuro mellor á cidade

Ana Pontón e Luís Seara
Ana Pontón e Luís Seara

Chama a participar no Día da Patria a todas as persoas que confían no potencial da provincia e pon en valor a candidatura que lidera Luís Seara

Seara reivindica un plan de restauración dos ríos de Ourense afectados por contaminación e a transferencia da súa xestión a Galiza

A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse a Ourense dentro da campaña do Día da Patria que aproveitou para chamar á participación masiva na mobilización e na celebración do 25 de Xullo. Para iso, mandou “unha mensaxe de esperanza no futuro”  a todas as persoas que confían no potencial da cidade e dunha provincia referente en termalismo, na produción vitivinícola e cun patrimonio cultural e paisaxístico de gran valor.

“Ter capacidade para gobernarnos é a mellor ferramenta para darnos un futuro mellor, porque Ourense non ten que resignarse os segundos salarios e pensións máis baixas, nin a xente moza resignarse a moverse entre a precariedade e a emigración”, salientou Pontón, “é un día para lanzar unha mensaxe de esperanza e de confianza e para chamar desde Ourense a unha participación masiva neste 25 de Xullo día da Patria Galega”.

Pontón fixo estas declaracións acompañada polo candidato do BNG á Alcaldía de Ourense, Luís Seara, e pola deputada Noa Presas, na visita ao paseo fluvial do Río Barbaña que, xunto co Río Támega ou o encoro das Conchas, soporta unha contaminación continuada proba da pésima xestión que se fai desde Madrid. O Bloque quere mudar de raíz  esta situación e reclama a transferencia.

Ourense“Non ten sentido que o ríos galegos sexan xestionados desde fora de Galiza”, recalcou a dirixente nacionalista. Idea na que afondou Seara.

“Son demasiados casos nesta provincia polo que o BNG acaba de presentar unha iniciativa para que o ente provincial reclame ante o Goberno central un plan de restauración dos ríos e que o Támega pase a ser de xestión galega por parte da Xunta para  acabar co disparate da súa xestión desde Valladolid”, salientou Seara.

O Bloque cualifica de “escándalo” que ninguén pague pola contaminación dos ríos. “A auga é un dos grandes valores que ten Ourense e precisa unha política integral cunha nova cultura de xestión, e a maneira de darlle a volta é pedir algo tan básico como que os ríos galegos se xestionen desde Galiza”, alegou Pontón.

“Ourense ten un enorme potencial pero está pagando un prezo moi alto pola volta ao centralismo e polas políticas do PP contrarias aos intereses do país”, recalcou Pontón, consecuencias que se traducen na sangría demográfica, no envellecemento e na despoboación.

“Pero podemos darlle a volta a esta situación”, indicou, convencida de que hai un cambio de ciclo político ás portas que, no caso da cidade de Ourense, vai ter como referente a candidatura nacionalista que encabeza Seara.  “Coñece e ama esta cidade para a que ten un proxecto de futuro, e coa candidatura do BNG estamos lanzados porque sabemos que vai haber un cambio de ciclo e Ourense necesita abrir un tempo novo político”, subliñou a líder do Bloque.

Pontón concluíu recalcando o chamamento a veciñanza de Ourense no Día da Patria “para reivindicar que somos unha nación, con lingua e cultura propias, que confiamos nas nosas posibilidades para marcar o noso futuro”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG