GALEGAS 2020

Ana Pontón apela “á rebeldía e ao feminismo” de Rosalía para impulsar o cambio real da man dunha muller e nacionalista

Homenaxe Rosalía de Castro
Homenaxe Rosalía de Castro

Non é tempo de gobernos sucursalistas e convida ás persoas que queren darlle futuro ao galego a que se expresen nas urnas apoiando ao BNG

Avanza que derrogará o decreto da vergoña impulsado por Feixóo

Ana Pontón apela “á rebeldía e ao feminismo” de Rosalía para impulsar o cambio real da man dunha muller e nacionalista

O BNG aproveitou o 183 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro para reivindicar a figura dunha muller, poeta universal e galeguista, convertida tamén en icona do feminismo case dous séculos despois. A esa figura referente en tantas loitas apelou a portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, para abrir un tempo novo en Galiza o 5A.

“Reivindicamos á Rosalía feminista, galeguista, a muller avanzada ao seu tempo que representaba a modernidade que, en definitiva, encarna eses valores que promove o BNG para unha Galiza orgullosa da súa identidade, con cultura e lingua propias, que aposte por avanzar e na que deixemos atrás esta década escura do PP que está malogrando o país”, salientou Pontón ante o monumento que honra á escritora en Santiago na praza de Vigo, lugar que a viu nacer.

“Apelamos a ese espírito, a esa rebeldía rosaliana para que o 5 de abril podamos abrir un tempo novo que signifique dar paso á modernidade, a autoestima e ao orgullo da nosa identidade”, recalcou a nacionalista.

Pontón avanzou que unha das primeiras medidas que tomaría desde a Presidencia do Goberno será a derrogación do “decreto da vergoña”, que prohibe o uso do galego no ensino en materias como as matemáticas; unha normativa impulsada por Feixóo “que levou ao idioma a unha encrucillada, a unha situación que é urxente reverter”.

O compromiso do BNG, indicou a candidata, “é poñer en marcha unha nova política lingüística que apoie a normalización do noso idioma e que defenda con orgullo o propio idioma, porque é un dos elementos que máis nos une a todas as persoas que vivimos neste país. Imos poñer fin á política lingüicida do PP que ataca o que máis nos define,  un elemento fundamental da nosa identidade como pobo”, recalcou a líder do Bloque.

Neste sentido, Pontón convidou a que os galegos e galegas que queren que a lingua teña futuro “se expresen apoiando ao BNG nas urnas”, porque é a garantía de poñer en marcha unha política lingüística que acabe con estes anos de acoso ao propio idioma.

Pontón volveu salientar o seu convencemento de que hoxe en Galiza hai unha maioría social que quere cambio, que se ven expresando nos últimos procesos electorais de xeito claro e rotundo.

Non chega con derrotar ao PP

“O 5 de abril hai unha oportunidade de derrotar ao PP, pero non chega con derrotalo hai que poñer en marcha un cambio real que só garante un goberno liderado polo BNG porque temos un proxecto pensado desde nós e para nós, coas mans libres para defender este país. Somos a única garantía de non seguir con gobernos sucursalistas de Madrid que non son unha solución de futuro”, explicou.

A preguntas dos medios, a portavoz nacional cualificou de “escándalo” que Feixóo se negue a comparecer no Parlamento para explicar a fraude na utilización de fondos públicos por parte do PP detectada polo Tribunal de Cuentas.

“Un partido que sempre ten tanto afán por falar de Venezuela agora se nega a dar explicacións sobre o diñeiro negro que utilizou para financiar a campaña electoral do PP con recursos que tiñan que ter sido destinados a atender as necesidades sanitarias e sociais dos galegos e das galegas. Calquera dirixente democrático tería dado a cara ante un asunto desta gravidade e  Feixóo non pode seguir escondéndose”, declarou.