Parlamento Galego

Ana Pontón anuncia que o sector naval vigués abrirá o traballo parlamentar do BNG nesta lexislatura

  • Levará a Cámara unha proposta con tres patas: Constitución dun consorcio público-privado, fondo financeiro de investimento e avais e posta en marcha do centro de reparación naval
  • Podemos reverter a situación de desertización dun sector que perdeu 6.000 empregos para convertelo en referente económico, indicou

Cos guindastres do porto como pano de fondo e en plena avenida Beiramar onde se localizan a práctica totalidade do estaleiros, o BNG presentou a súa proposta para impulsar o sector naval na Ría que será a primeira proposta que levará ao Parlamento en relación a Vigo e a súa área de influencia.

O obxectivo, explicado pola portavoz nacional, Ana Pontón: reverter a “desertización” dun sector estratéxico na economía viguesa que nos último años se deixou polo camiño 6.000 empregos directos e 17.000 indirectos.

Para conseguilo, o Bloque defenderá na Cámara unha proposta global para o sector, baseada na colaboración entre iniciativa pública e privada, con tres medidas concretas: creación dun consorcio público-privado, dotación dun fondo de avais e de financiamento, -que se nutra de recursos procedentes dos orzamentos da Xunta e da captación de investimentos privados-, e a posta en marcha dun centro de reparación naval na Ría de Vigo.

“Temos capacidade, temos persoal formado, temos a infraestrutura, temos unha universidade preparada para colaborar neste terreo desde o convencemento de que unha aposta estratéxica para recuperar o sector naval pasa pola innovación e pola tecnoloxía”, explicou Pontón secundada polo deputado Luís Bará, a deputada Montse Prado e os referentes nacionalistas na cidade, Serafín Otero, Ana Miranda e Manuel Caride.

Pontón entrou no detalle do que definiu como “as tres patas” da proposta para o naval vigués.

En relación ao consorcio naval indicou que a idea é aglutinar nun ente a todas as partes implicadas no proceso: estaleiros, empresas auxiliares e empresas transformadoras do metal e a Administración pública. No que se refire ao fondo financeiro público-privado, o obxectivo é dotar ao sector dun mecanismo de aval e financiamento de novos contratos e, moi especialmente, de proxectos de I+D+i. E, en ralación ao centro de reparación naval, a pretensión e darlle vida a unha iniciativa “que leva demasiado tempo dando voltas sen concreción” e que permitiría unha liña de negocio cunha gran capacidade de crear emprego.

“Cada ano pasan por esta ría máis de 24.000 embarcacións de todo tipo, só con que o 10% destes buques teñan necesidade de reparación é un negocio complementario do da construción que permitiría recuperar unha parte do emprego perdido”, explicou Pontón quen considera “que hai que iniciar a lexislatura dándolle un novo rumbo ao sector naval porque ten un potencial evidente con base industrial, persoal preparado e coñecemento acumulado”.

Con todos estes elementos, o que se precisa é “unha implicación política clara, dos poderes públicos, neste caso da Xunta de Galiza”. O importante “é a vontade política para darlle un impulso definitivo a este sector, porque o papel da Xunta debe ser o de converter Vigo de novo nun referente do naval en colaboración con todas as partes implicadas”.

Pontón avogou por mudar “a inercia actual” que está deixando pasar oportunidades. “A clave é que haxa unha aposta política”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG