Ana Pontón anuncia que o BNG levará a pleno reclamar os 700 millóns de euros pola vía xudicial

Ana Pontón
Ana Pontón

Acusa a Feixóo de “morneza” e critica o “inútil rifi-rafe” entre PP e PSOE mentres Galiza ten 6.000 empregos en risco de norte a sur do país

A solución á crise industrial pasa por recuperar peso político en Madrid e acabar coa “irrelevancia” a que levaron a Galiza as forzas estatais

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG vai a pleno para o seu debate e votación a proposta de reclamar pola vía xudicial os 700 millóns de euros que o Estado debe a Galiza, ao tempo que critica a falta de contundencia do presidente da Xunta para defender os recursos financeiros que son do país.

“Denunciamos a morna resposta que está dando ante o feito de   que o Estado non desbloquee a totalidade dos recursos pendentes, e por iso no próximo pleno imos defender unha iniciativa para que demandemos pola vía xudicial a totalidade dos cartos que o Estado nos debe os galegos e ás galegas”, explicou Pontón, quen tamén avanzou que “hai que dar un debate de fondo, porque o problema vai máis aló das entregas a conta e está nun modelo de financiamento inxusto e insuficiente, que nos fai perder recursos e oportunidades”.

Financiamento e crise industrial centraron a comparecencia da líder nacionalista, quen criticou o último e “inútil rifi-rafe” entre PP e PSOE culpándose mutuamente da crise industrial de Galiza. “Os dous partidos son responsables dunha crise que ten en risco máis de 6.000 postos de traballo e coloca ao borde do abismo a comarcas enteiras de norte a sur do país”, indicou Pontón, “dúas forzas que fixeron todo o posible para levar a Galiza á irrelevancia política”.

“Por iso é tan urxente recuperar peso político en Madrid a partir do 10N da man da única forza coas mans libres para defender os intereses deste país”, -recalcou-, máxime tras estes meses nos que volveu quedar en evidencia “que se o BNG non está no Congreso a Galiza vaille mal”.

No caso concreto da central de ENDESA nas Pontes, o Bloque formula unha batería de cinco propostas. En primeiro lugar, demandar do Goberno central que non conceda autorización para un peche repentino e brusco da central, senón que debe traballarse en buscar alternativas que garantan futuro para As Pontes. En segundo lugar, constituír de inmediato unha mesa para unha transición enerxética xusta nas Pontes, que inclúa á empresa, Xunta, Goberno central e representantes sociais.

Como terceira medida, que Galiza teña igualdade de acceso os recursos para a transición enerxética. Empezando por unha compensación pola débeda histórica derivada dos incumprimentos do Plan Carbón e pola súa exclusión a partir de 2012, garantir a inclusión nos fondos europeos de compensación por descarbonización e esixir investimentos das propias empresas eléctricas, -“porque isto non pode ser un novo rescate bancario”, subliña Pontón-.

Plan de choque

Como cuarta proposta, o Bloque demanda á CNMV a elaboración dun novo informe sobre descapitalización de ENDESA por parte de ENEL e dos beneficios expatriados. E, como quinta medida, plan de choque para a industria galega planificado con base ás liñas estratéxicas como a defensa da tarifa eléctrica galega, participación pública en sectores estratéxicos da economía,  aposta por xerar valor engadido, a innovación e o peche de ciclos produtivos.

Igualmente, un fondo extraordinario para frear a desgaleguización, deslocalización e  peches que reducen a capacidade produtiva, así como facer unha aposta pola intervención pública do sector enerxético galego, por exemplo, a través do rescate de centrais que acaben as concesións ou a participación pública nos sectores chave coma o eólico.

“A solución á crise industrial pasa porque Galiza teña peso político, podamos decidir sobre aspectos claves da nosa economía e acabemos coa irrelevancia a que nos conduciron as forzas estatais, que pasan tanto dos e das galega que até veñen en precampaña a pedir o voto sen aportar nin unha soa solución ante a crise de ALCOA ou ante o anuncio de ENDESA de pechar abruptamente a central das Pontes”, concluíu.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG