Ana Pontón anima á mocidade a ser motor de cambio para construír un País con oportunidades no que desenvolver os seus soños

Acto Galiza Nova
Acto Galiza Nova

Recalca que a xente nova é imprescindible para cimentar unha Galiza con futuro e advirte a Feixóo que o BNG non vai permitir a súa criminalización

“Por certo, autocita de vacinas para todos e todas as mozas”, reclama

Censura que o paro, a precariedade laboral ou a emigración son as alternativas que lles ofrece o Goberno do PP  

A portavoz nacional, Ana Pontón, animou á mocidade a ser motor de cambio e de transformación para construír un País con oportunidades e unha Galiza mellor na que poida desenvolver os seus soños. Así o asegurou no acto desenvolvido no marco da celebración do 25X polas mocidades nacionalistas de Galiza Nova en recoñecemento das figuras de Rosalía e Castelao, onde recalcou o compromiso do BNG coa xente nova.

“Ímonos deixar a pel na defensa dun futuro digno para os mozos e as mozas -dixo-; por xustiza coa xente nova, pero tamén porque sen vós non se pode construír unha Galiza con futuro”. “Sodes imprescindibles, necesitámosvos a todos e a todas”, incidiu, para a continuación advertir de que “tampouco podemos permitir a criminalización do PP para tapar os problemas de xestión desta pandemia”.

Acto Galiza NovaPontón asegurou que é “absolutamente inxusto que se responsabilice á mocidade do que está pasando” e, segundo recalcou, “isto é o que está facendo Feixóo”. Neste sentido lembrou que o presidente da Xunta culpabilizou hai meses aos mozos e mozas que estaban na Universidade, cando despois “os cribados deste mesmo Goberno evidenciaron esta gran mentira”. “É o que están volvendo facer agora e o problema é que non hai vacinas”, subliñou para engadir que o que ten que facer “un Goberno responsable é poñer os medios para que haxa unha solución”. “E por certo -apuntou- autocita para todos e para todas as mozas deste país”.

No acto -no que tamén participaron a o secretario xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos, e a militante en Galiza Nova no Baixo Miño Sabela Méndez- a portavoz nacional censurou que o paro, a precariedade laboral e a emigración formen parte das vidas dos mozos e as mozas galegas. “Igual que as dificultades de acceder a unha vivenda”, engadiu, logo de asegurar que “temos que construír un País onde este deixe de ser o futuro da xente nova porque en Galiza hai capacidade suficiente para darlle emprego á mocidade”. “Quen falla é un Goberno que está expulsando aos mozos e mozas deste país e temos que cambiar esta realidade”, asegurou.

Neste contexto, recalcou que “necesitamos o impulso da mocidade para poñer en marcha o cambio que pode transformar este país” e, nesta liña, apelou a traballar por converter a Galiza nun “puntal” na loita contra o cambio climático, na loita feminista e “na necesidade de cambiar o discurso do odio contra a diversidade porque temos dereito a amar a quen queiramos”, subliñou.  

Pontón puxo en valor o traballo desenvolvido por Galiza Nova na defensa da mocidade, á que convidou a ser “vós mesmos, vós mesmas; mozos e mozas de 2021 con audacia”, para converterse deste xeito nun actor clave á hora de construír un País con oportunidades. “É unha enorme satisfacción ver a tantos mozos e mozas sumando no nacionalismo, convencidos e convencidas de que o futuro escríbese coa B de BNG e coa G de Galiza”, concluíu.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG