Ana Pontón alerta das consecuencias económicas dos ERTEs e da falta de protección dos contratos das ETTs

Ana Pontón
Ana Pontón
Insta á Xunta e ao goberno central a actuar contra este impacto

Afirma que para saír ben da  crise será necesario “máis  autogoberno e política social”

Reclama  paralizar a “actividade non esencial” e critica a postura da UE máis preocupada polo capital que por  paliar as consecuencias socioeconómicas da crise

Ana Pontón alerta das consecuencias económicas dos ERTEs e da falta de protección dos contratos das ETTs

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón pide que a Xunta e o Goberno central actúen  contra o impacto socioeconómico dos ERTES en Galiza e medidas de protección para todos e todas aqueles traballadores e traballadoras contratados polas ETTs e precarios que perderán o seu posto de traballo sen percibir ningunha prestación.

Máis autogoberno e política social para saír da crise

 A nacionalista, que  continúa mantendo encontros diarios, por videoconferencia con colectivos  da sanidade, económicos e socias para analizar a situación  da crise do coronavirus afirmou hoxe, tras a reunión coa delegación da Confederación Intersindical Galega, (CIG), que  a crise  xa afecta en Galiza ao “10% da poboación activa” e que urxe tomar medidas de protección económica contra as consecuencias deste impacto. Por outra parte, reiterou que é  necesario paralizar “toda actividade non esencial” e incrementar as medidas de protección  para os traballadores e traballadoras da sanidade, servizos públicos, sector da alimentación e subministros.

Tras  analizar  diversos aspectos,  BNG e CIG coincidiron na necesidade de poñer en marcha medidas urxentes para paliar as consecuencias económicas e sociais  que afectan  gravemente a Galiza e afirmou que para saír ben da  crise será necesario “máis  autogoberno e política social”.

É necesaria unha Europa máis social e menos preocupada polos intereses do gran capital

Para a  nacionalista, a crise do coronavirus desvelou a verdadeira faciana de Europa, máis preocupada “polos intereses do grande  capital” que por responder como unha Europa social. Comprobamos que “chega antes a axuda de China que de Bruxelas”, feito que constata  a falta de preocupación de Europa pola saúde e vida das persoas.

BNG e CIG coincidiron na preocupación pola crise económica que seguirá á crise sanitaria con consecuencias, que polo momento, ante as medidas da Xunta e do Estado non permiten albiscar  unha saída xusta e avanzou que ambas organizacións redobrarán esforzas para que os traballadores e traballadoras en Galiza  non sexan os grandes damnificados da crise do coronavirus.     

 

Ana Pontón alerta das consecuencias económicas dos ERTEs e da falta de protección dos contratos das ETTs