Ana Pontón: “Agardo que os feitos demostren un compromiso real do goberno de Pedro Sánchez con Galiza”

Ana Pontón
Ana Pontón

A portavoz nacional do BNG valora positivamente que a presenza maioritaria de mulleres no Goberno central

Ana Pontón: “Agardo que os feitos demostren un compromiso real do goberno de Pedro Sánchez con Galiza”

A portavoz  nacional, Ana Pontón,  considera positivo a importante presenza de mulleres no Executivo formado por Pedro Sánchez pero espera a que os feitos falen polo novo Goberno do Estado e demostren que esta vez si hai un compromiso real con Galiza.

“Destacamos como positivo que haxa unha participación importante de mulleres no Goberno ocupando carteiras relevantes, e para unha forza como o BNG comprometida   coa igualdade e co feminismo todos os pasos que se dean nesa dirección son positivos para reducir as desigualades”, explicou Pontón, quen tamén expresou a desconfianza que provoca na formación nacionalista a traxectoria do novo titular de Interior.

“Hai nomes que non nos inspira ningunha confianza como o ata agora maxistrado da Audiencia Nacional Fernando Grande-Marlaska, que ten no seu currículo mirar para outro lado ante torturas nos cárceres ou a represión abrindo xuízo oral a dous debuxantes de El Jueves por facer unha caricatura do Rei en lugar de preservar un dereito fundamental coma a liberdade de expresión.

Pese ao “escepticismo” que provoca o novo Goberno, a dirixente do Bloque prefire valorar a través dos feitos.

“Imos xulgar o Executivo de Sánchez polos seus feitos e neste novo escenario queremos conseguir avances concretos para Galiza, porque é evidente que o Estado non se tomou en serio este país ou do contrario non estariamos vendo como chegamos tarde a todas as infraestruturas, por exemplo, lembro que en Andalucía levan 25 aos de AVE. Queremos ver se hai compromisos reais con Galiza e, desde logo, non entenderiamos que un cambio de Goberno supoña nin o máis mínimo retraso en obras xa programadas por ADIF”, concluíu.