Ana Pontón advirte que só co estado de alarma non se para o virus

Ana Pontón
Ana Pontón
"Feixóo ten que facer a súa parte: reforzar a sanidade, máis persoal para os rastrexos e blindar as residencias", afirma
Ana Pontón advirte que só co estado de alarma non se para o virus

O BNG considera que o estado de alarma é unha medida excepcional para un momento excepcional como é a segunda onda da COVID 19 que non deixa de medrar en cifras de contaxios e falecementos, pero advirte que esta medida por si soa non vai frear o virus e que, ademais de esixir máis responsabilidade á cidadanía, son necesarias decisións políticas por parte dun Goberno da Xunta que non está facendo a parte que lle toca.

De feito, a portavoz nacional, Ana Pontón, denuncia que desde marzo o Executivo de Feixóo nin reforzou a atención primaria, nin puxo en marcha un servizo eficaz de rastrexo, nin blindou as residencias da terceira idade cunha intervención pública até superar a pandemia, e hoxe un colectivo de apenas 20.000 persoas maiores segue soportando o 45% das vítimas mortais.

“O estado de alarma é unha media excepcional que basicamente consiste en trasladar a responsabilidade do control da pandemia á cidadanía, unha medida que supón un plus de esixencia ás persoas na nosa vida diaria. Non discutimos que sexa necesaria neste momento, pero desde o BNG tamén nos preguntamos que está facendo o Goberno do PP para enfrontar a pandemia e vencela o antes posible”, interpelou Pontón.

“Feixóo non preparou a atención primaria para que estivese máis forte que en marzo, e non conta nin con máis medios, nin con máis mé[email protected] nin con máis recursos económicos. Por contra, os e as profesionais están exhaustos e o deterioro da atención primaria e tal que para unha persoa doente acceder ao médico de cabeceira e case imposible con esa imposición da telemediciña”, alegou a líder nacionalista.

O Goberno do PP tampouco fixo os deberes en relación ao rastrexo, -denuncia-, de feito, se ignora con cantos rastreadores conta Galiza, que se mantén entre as comunidades cos peores datos de rastrexo e localización de contaxios.

“E Feixóo tampouco blindou as residencias da terceira idade para evitar que as persoas maiores sexan as máis castigadas polo virus e, igual que en marzo, a pandemia está a ser letal neste centros sen que o presidente da Xunta rectifique, mostrando a súa falta de ética e a súa frialdade nun asunto tan doloroso”, recriminou Pontón.

A modo de exemplo, a Residencia Os Gozos de Pereiro de Aguiar que só foi intervida tras un contaxio masivo e que en apenas dúas semanas rexistra un tráxico balance de 23 persoas falecidas.

Todas estas son cuestións, insistiu, que requiren decisións políticas máis aló do estado de alarma, medida que vai valorar na Executiva nacional pero no que Pontón avanzou que o BNG presentará emendas no Congreso por entender que require “un control democrático en sede parlamentaria dunha medida que recorta dereitos e liberdades fundamentais”.

Non valen parches para frear a crise económica

Ademais do sanitario, a repercusión sobre a economía é un aspecto que urxe abordar “para evitar o derrubo de sectores cun peso moi importante na economía e na creación de emprego”, -explica-, como é o caso da hostalería, o comercio de proximidade, as e os traballadores autónomos, as PEMES e o tecido e produtivo do país.

“Ante unha crise deste calibre non valen os parches senón un auténtico plan de rescate para evitar que se perdan miles de empregos cun impacto brutal”, alegou Pontón, e para iso é necesario contar cos máximos recursos posibles, incluídos os que proveñan do fondo COVID europeo para reactivación.

Neste sentido, o BNG solicita a remisión ao Parlamento, “que debe xogar un papel fundamental para axudar á resolución da crise”, de toda a documentación dos 108 proxectos anunciados polo Goberno do PP que concorren a fondos da UE, para valorar a súa idoneidade para Galiza. “Nunha semana pasamos de falar de sete proxectos a máis dun cento, -indicou a líder nacionalista-, e preguntamos quen os elabora, quen os selecciona, que criterios e obxectivos os xustifican”.

Diálogo e acordos no Parlamento

En relación a este asunto, Pontón tildou de “incomprensible” que o presidente da Xunta non pida a territorialización do fondo COVID europeo. “Hai unha territorialización desde a UE cara os Estados pero non se quere o mesmo dentro do Estado español cando a experiencia nos demostra que Galiza sae discriminada se criterios de distribución que teñan en conta a súa realidade sanitaria, económica e social. A proposta de Feixóo abre a porta a esa discriminación e o noso país debe ter acceso cando menos ao 9% deses recursos”, concluíu.

O Bloque reitera a petición dun pleno monográfico que aborde a situación derivada da segunda onda da COVID19, que require dun diálogo entre forzas políticas para fraguar acordos que Feixóo non propicia. “Nin unha soa chama do presidente da Xunta ás forzas parlamentarias”, criticou Pontón.

 

Ana Pontón advirte que só co estado de alarma non se para o virus