Ana Pontón advirte a Santalices que o BNG non vai admitir mordazas no Parlamento Galego

Ana Pontón
Ana Pontón

Pídelle sen éxito ao presidente da Cámara que lle retire a chamada á orde do pasado pleno por dicir que o PP está condenado por corrupción

A portavoz nacional e portavoz parlamentaria, Ana Pontón, apelou ao regulamento para dirixirse ao presidente da Cámara, o popular Miguel Santalices, para reafirmar que o BNG non vai admitir ningún tipo de mordaza no debate da Cámara, para afearlle o seu partidismo á hora de conducir os debates cunha dobre vara de medir que beneficia ao PP, e para pedir, sen éxito, que lle retirase a chamada á orde do pasado pleno polo mero feito de declarar que o PP está condenado por corrupción.

Despois do informe “pantasma” esgrimido por Santalices para xustificar a súa censura parlamentaria, os deputados e deputadas nacionalistas colgaron nos seus escanos carteis de protesta, Non aceptamos mordazas, aludindo a páxina 155 da sentenza da Audiencia Nacional sobre o caso Gürtel confirmando que as empresas do grupo Correa e o PP montaron “un auténtico e eficaz sistema de corrupción institucional”.

Pontón afeoulle a Santalices a maneira en que conduce os debates parlamentarios, permitindo ao PP condutas e declaracións en contra dos grupos da oposición que recrimina cando se trata de críticas ao grupo que sostén ao Goberno de Feixóo. Comentarios do propio presidente da Xunta tildando á líder do BNG de machista, intervencións directas do presidente da Cámara tomando partido directo no debate corrixindo as intervencións de deputados ou deputadas da oposición son algunhas das cuestións que o BNG reprocha á máxima autoridade da Cámara.

E xa como última entrega un informe dos servizos xurídicos do Parlamento, que se negou a entregar aos grupos da oposición, no que supostamente se recollen unha serie de termos que non poden ser utilizados na Cámara, entre eles os que aludan ao PP como un partido condenado por corrupción. “É intolerable a censura neste parlamento e non imos admitir mordazas”, recalcou Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG