Ana Pontón advirte que o plan da Xunta suprime o transporte escolar e recorta servizo de liñas

Encontro de Ana Pontón con pequenas e medianas empresas do transporte de Ourense
Encontro de Ana Pontón con pequenas e medianas empresas do transporte de Ourense

Pide a Feijóo que abandone a estratexia do “ordeno e mando” para negociar un plan de transporte que garanta un servizo público de calidade

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro na estación de autobuses de Ourense con representantes de pequenas e medianas empresas do transporte na provincia que lle transmitiron a súa preocupación polo deterioro do servizo público de transporte que traerá consigo o plan aprobado unilateralmente pola Xunta.

A dirixente do Bloque advirte que o plan de transporte do Goberno suporá un recorte de liñas, sobre todo nos concellos de menor poboación, suprime o servizo de transporte escolar que pasa a estar integrado no transporte regular de viaxeiros e pon en risco o tecido empresarial galego do sector.

“O problema creado pola Xunta con transporte público en Galiza van pagalo os usuarios e as usuarias en particular nas zonas do interior e do rural, porque este plan é un anticipo dun gran recorte de liñas e de servizos e quen vai acabar por pagar é a cidadanía”, salientou Pontón, “porque a Xunta non está facendo unha aposta por un transporte público de calidade”.

A segunda cuestión que puxo sobre a mesa a portavoz do Bloque é que desaparece o transporte escolar e os nenos e nenas pasan a ser incluídos en liñas de transporte regular. “Este plan elimina o transporte escolar como tal, e iso é un paso atrás nun servizo que tiña calidade e no que se investían moitos recursos para que os nenos e as nenas fosen nas mellores condicións á escola”, indicou a deputada.

E como terceiro asunto, o plan supón “o primeiro paso para destruír as pequenas e medianas empresas do transporte que en parte do territorio como é a provincia de Ourense representan un piar fundamental no seu tecido empresarial”, explicou Pontón, “estas empresas ven en risco o futuro e por tanto de centos de postos de traballo e da articulación social e económica do país”.

Neste contexto, a portavoz nacional pide a Feijóo que deixe atrás a súa estratexia de feitos consumados, e pídelle que aproveite o tempo de negociación aberto entre empresas e traballadores “para reflexionar”. “Ten que escoitar o que se lle está a dicir desde o sector, porque é entendible que ante un recorte do 35% amosen a súa preocupación e ante isto non se pode responder co ordeno e mando do Consello da Xunta”.

“Ten que existir diálogo, non é normal que por un plan de 22 meses non haxa disposición de pararse, sentarse e reflexionar para facer ben as cousas de cara o futuro”, salientou.

Escalada xudicial

Pero a dirixente do Bloque tamén advirte contra unha posible “escalada xudicial” que anticipa que este proceso pode acabar nos tribunais, porque os concursos que acaba de convocar a Xunta seguen o mesmo método que a contratación do 065, posteriormente anulado pola xustiza.

“Todo isto xera unha incerteza no transporte público en Galiza que van acabar pagando os e as usuarias, os traballadores e o tecido de pequenas e medianas empresas do sector, clave nun país como o noso”, alegou.

O Bloque considera inexplicable o enfrontamento creado desde o Goberno de Feijóo en relación ao un servizo público básico. “Parece que o único no que é especialista en crear problemas e facer dun servizo público un negocio para uns poucos, veremos cal é o resultado destas adxudicacións case a dedo da Xunta, porque aí empezaremos a ver os auténticos beneficiarios deste negocio no que Feijóo quere converter o transporte público”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG