parlamento galego

Ana Pontón advirte que os orzamentos nacen obsoletos e pide reorientalos para garantir a saúde e rescatar a economía

Ana Pontón
Ana Pontón

Critica a un Feixóo en “piloto automático do absolutismo” que usa para vetar as 505 emendas do Bloque, tamén as destinadas a salvar á hostalería

Prioridades BNG: reforzar a sanidade, axudas aos sectores pechados, novo sistema de coidado dos maiores e avanzar nun modelo produtivo

A virulenta evolución da pandemia cunha terceira onda descontrolada e un proceso de vacinación incerto dan lugar a un escenario que deixa obsoleto o proxecto de orzamentos presentado pola Xunta e que hoxe foi aprobado en solitario polo PP usando a súa maioría “absolutista e inútil” para vetar a máis mínima modificación dunhas contas que, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, nacen obsoletas e deberían reorientarse.

“Están obsoletos antes de ser aprobados porque non reverten os recortes en sanidade, non rescatan aos sectores que máis sofren a crise, non destinan nada a mudar os sistema de atención aos maiores e non sentan as bases dunha nova política económica sustentable”, alegou a líder do BNG, “por iso hai que reorientar estes orzamentos e conseguir unhas contas capaces de afrontar a crise sanitaria, económica e social”.

E para iso ofreceu toda a colaboración do Bloque, oferta que chocou coa negativa do Goberno de Feixóo a mover unha coma. De feito, rexeitou as 505 emendas presentadas pola formación nacionalista para dar un uso alternativo a 1.500 M€, incluíndo un plan de axudas directas á hostalería por importe de 80 M€,  un veto co que Pontón foi especialmente crítica por estar a horas do peche total do sector.

Ao veto a esta proposta de axudas directas, Pontón sumou os atrancos que está poñendo a Xunta a un acordo das tres administracións a favor dun plan de rescate da hostalería, no que cada unha aporte o mesmo esforzo orzamentario. “Toda a disposición do BNG para arrimar o ombro, pero lamento que o vicepresidente da Xunta en lugar de buscar un acordo estea máis preocupado en facer oposición aos concellos e as deputacións. Man tendida do BNG para chegar a consensos nese ámbito”, recalcou.

A líder nacionalista pide a Feixóo que recapacite “e abandone o piloto automático do absolutismo inútil que practica neste Parlamento, onde o PP non acorda nin busca consensos de país. E todos e todas temos algo que aportar,  así deixen a un lado ese rodillo que non admite propostas nin acordos”, alegou Pontón.

E entre esas aportacións, o Bloque trasladou as cuestións que considera prioritarias e que plasma nas súas emendas, sintetizadas en catro ámbitos. Reforzar a sanidade pública para dotala dos medios necesarios na loita contra a pandemia, pero tamén para preservar a saúde das persoas máis aló do virus. En segundo lugar, rescatar os sectores que máis están sufrindo a crise compensando as perdas seguindo o modelo alemá, como no caso da hostalería, comercio ou cultura, “porque senón se habilitan axudas moitas familias non terán para comer nos próximos meses”, alegou.

Como terceira prioridade, poñer en marcha un novo modelo de residencias que teña como obxectivo o dereito a unha vellez digna, pero as contas do PP recollen cero euros nesa dirección, pese a que Galiza sofre un sistema altamente privatizado e deficitario, de tal xeito que aspirar a unha praza pública implica até dous anos de espera.

E como cuarta prioridade da reordenación orzamentaria do Bloque sentar as bases dun novo modelo económico sustentable e baseado na ciencia e na investigación que aproveite todo o potencial produtivo do país. Combater a pobreza nunha Galiza máis desigual, aposta pola I+D+i, reforzar a loita contra a violencia de xénero e a promoción da lingua tamén figuraban entre as emendas presentadas. Todas rexeitadas.

“Hoxe van votar non a ter máis recursos para a sanidade, van votar non a plan de continxencia para garantir a saúde da poboación máis aló da COVID, van votar non a un plan de rescate da hostalería e outros sectores afectados polo peche, van votar non a un novo modelo de coidados das persoas maiores. Van votar 505 veces non, así é como entende o PP o diálogo e a democracia”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG