Ana Pontón acusa a Rueda de malgastar cartos públicos en palcos VIP e concertos cando os e as galegas non chegan a fin de mes

Ana Pontón
Ana Pontón

Cuestiona que se subvencione con 2,5 M€ un concerto, en plena crise de prezos que impacta en familias, clase traballadora, autónomos e PEMES

O PP está en contra de abaratar a luz cunha tarifa eléctrica galega porque defende ás eléctricas, “só falta ver a quen se abraza o presidente de Iberdrola”

O BNG pide un debate do estado da nación e propón un plan de rescate de 1.000 M€ a favor da cidadanía, do tecido produtivo e da sanidade

Nun contexto de crise de prezos que ten contra as cordas á maioría dos galegos e das galegas, a portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao Goberno do PP de malgastar cartos públicos con subvencións millonarias nun concerto ou usando as subvencións do Xacobeo para repartir entradas gratis en palco VIP entre cargos do Partido Popular, incluído o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ou ao seu predecesor no cargo, Núñez Feijóo.

“Apenas cen días no coche oficial pero xa está desconectado da realidade dos galegos e das galegas, moi diferente da súa de entradas gratis en palco VIP para asistir ao concerto de C.Tangana. É unha tomadura de pelo que coa que está caendo usen as subvencións do Xacobeo para repartir entradas gratis entre cargos do PP, como o presidente de Andalucía ou o seu xefe de filas, o señor Feijóo”, denunciou Pontón na sesión de control a Rueda.

“E isto fai que moitas persoas se pregunten en que gasta o PP os cartos públicos que saen dos impostos da cidadanía, que se pregunten como é posible que se gasten nun só concerto  2,5 millóns de euros, o dobre do previsto, e vostede dicindo que nin lle vai, nin lle ven, total son os cartos de todos e de todas. Que clase de despilfarro e ese?”, reprochou Pontón, que aconsellou a Rueda “que baixe do palco VIP, deixe atrás a propaganda e o ataque persoal á líder do BNG e se poña a traballar para dar solucións ós problemas do País”.

Problemas como a crise de prezos ou o colapso da atención primaria. Hoxe, subliñou, os salarios e as pensións dos e das galegas valen un 11% menos, tras o último dato de IPC, unha vez máis por riba da media estatal.

Galiza está quedando atrás, denunciou, “e o PP é responsable” tras  trece anos de submisión ao centralismo, trece anos de oposición da oposición e trece anos de vetar a tarifa eléctrica galega que permitiría abaratar a factura da luz, “porque o Partido Popular leva trece anos traballando para as eléctricas, así que non nos sorprende que voten en contra de subirlle os impostos porque teñen claro que intereses defenden, e senón que llo pregunten ao Presidente de Iberdrola que sabe ben a quen se abraza”, recriminou.

Ante  a maior suba de prezos en 40 anos, “seguen de brazos cruzados e sen tomar nin unha soa medida importante para axudar a quen peor o pasa, porque  non defenden Galiza senón a estratexia electoral do PP de Madrid,  esa que pensa que canto peor o pasen os galegos e galegas, mellor para seus os intereses electorais, queren cabalgar sobre o sufrimento das persoas para obter réditos electorais”.

E xunto a escalada inflacionista o deterioro da sanidade pública cunha atención primaria colapsada, de tal xeito que cualificou de “impresentable” o sucedido no verán en moitos centros de saúde, con axendas pechadas durante semanas por falta de médicos, vacacións e baixas que non se cobren, redución do persoal de até o 66% ou PACs sen persoal médico.

Á cola en atención primaria

Pontón denunciou que Galiza ocupe o posto número catorce en investimento en atención primaria, de tal xeito que se precisaría un incremento de 260 M€ só para sacala da cola e equiparala á media estatal.

Desde o BNG, indicou a líder nacionalista, “temos propostas que lle ofrecemos coa man tendida”, como un Plan de rescate de mil millóns de euros a favor dos sectores sociais máis impactados pola crise, do tecido produtivo, das pequenas e medianas empresas e para reforzar os servizos públicos”.

Pontón tamén emprazou ao presidente da Xunta a que, dado o momento de excepcionalidade que se vive, solicite a convocatoria do debate de política xeral sobre o estado da nación, “porque ante unha crise desta gravidade o Parlamento debe ter un debate sosegado no que todas as forzas podamos aportar as nosas propostas para sacar o País adiante”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG