Ana Ponton acusa a Feixoo de ter secuestrado Parlamento e de deslealdade cando máis se precisa sumar

Ana Pontón
Ana Pontón

“Aprazamos as eleccións pero sigue en campaña electoral desde unha TVG que utiliza como canle de propaganda. Non son tempos de cinismo político”, critica

Considera “temerario” reanudar a actividade económica non esencial, unha “decisión irresponsable do Goberno central apoiada polo Goberno da Xunta”

Reclama a comparecencia do xefe do Executivo na Cámara para explicar a situación nas residencias nas que o BNG considera que houbo unha xestión neglixente

A portavoz nacional, Ana Pontón, compareceu en rolda de prensa tras a reunión telemática da Executiva nacional e volveu reclamar a comparecencia urxente do presidente da Xunta no Parlamento para explicar a xestión do seu Goberno en relación á xestión da crise nas residencias de maiores, nas que se rexistraron o 42% dos falecementos pola pandemia. A líder nacionalista acusou a Feixóo de escapar ao control lexislativo e de ter secuestrada á Cámara de representación popular.

“Ten secuestrado o Parlamento nun momento en que tiña que estar traballando para sumar ideas, propostas e medidas que axuden a saír da pandemia, e debe comparecer de xeito inmediato para dar explicacións en relación a xestión nas residencias, en relación a toma de decisións en materia económica, educativa ou sanitaria, e ten que convocar xa aos partidos políticos da oposición para dar información e para recibir propostas e achegas”, salientou.

Pontón acusou a Feixóo de ser “desleal” coas forzas políticas desconvocando a reunión semanal comprometida e evitando comparecer no Parlamento, mentres ao mesmo tempo consume horas na televisión pública en horario de máxima audiencia. “É cínico que pola mañá pida que a xuntanza de Sánchez cos presidentes non se converta nun trámite e pola tarde desconvoque unilateralmente e sen dar explicacións a xuntanza coas forzas da oposición xusto cando Galiza require de todas as mans”, alega.

“Da a sensación de que aprazamos as eleccións pero Feixóo sigue en campaña electoral desde unha TVG que utiliza como canle de propaganda, cun descaro que debería avergonzalo sempre, pero máis en medio dunha pandemia”, reprochou, “está facendo en Galiza xusto todo o que o seu xefe de filas, o señor Casado, critica e di que non se debe facer a nivel estatal e non son estes tempos de cinismo político senón de sumar desde a lealdade e desde a colaboración polo ben dos galegos e das galegas. Hai moito que traballar e temos ideas, propostas e iniciativas para axudar nesta pandemia”, recalcou.

A líder do Bloque subliñou que o xefe do Executivo compareceu unha soa vez no Parlamento desde que o pasado 14 de marzo se declarou o estado de alarma, pero leva 15 comparecencias na TVG sumando máis de 700 minutos de emisión en prime time: “non se pode xestionar unha crise desde a televisión”, sintetizou Pontón.

A executiva do BNG analizou o reinicio da actividade económica non esencial, decisión que non conta con aval científico e que considera “temeraria” e “irresponsable”. “Oxalá que non pero pode facer que haxa rebrotes nun momento onde a curva de contaxios empeza a descender, polo tanto, rexeitamos unha decisión irresponsable do Goberno español apoiada irresponsablemente polo Goberno da Xunta, que antepoñen a conta de resultados dalgunhas empresas á saúde pública”, alegou.

Incoherencias e falta de control

Pontón insistiu no feito de que a decisión se tome sen aval dos expertos: “Que estudo científico explica que non pode haber máis de 3 persoas nun funeral pero si mil traballador@s nunha cadea de montaxe? Por que é un perigo abrir unha mercería pero non reanudar unha obra na que traballan cóbado con cóbado ducias de obreiros”, interpelaba a líder nacionalista para evidenciar a incoherencia da decisión adoptada pese a que os datos demostran que endurecer o confinamento está dando bos resultados no control da pandemia.

Ademais, o Bloque manifestou as dúbidas sobre as supostas condicións de seguridade coa que milleiros de persoas volven aos seus centros de traballo en actividades non esenciais. “Vai haber inspeccións nas condicións laborais, poden Xunta e o Goberno central garantir que van ter mascaras, gafas, guantes ou outro material de protección? Está claro que non”, argumentaba, ao tempo que criticaba a falta dun protocolo no reparto deste material.

“Preocúpanos que o Goberno central non teña un protocolo claro pero nada lle impide ao Goberno galego, ao comité de crise da Xunta, establecer un protocolo de uso e repartir de xeito masivo mascaras e outro material de protección. Non é momento de poñerse de perfil, é momento de sumar, non de confrontar por razóns partidistas”, recalcou, insistindo na idea de que Galiza debe traballar para garantir o seu propio abastecemento.

Comisión de investigación na xestión das residencias

“Evidentemente queremos que se retome a normalidade canto antes, pero as présas son malas conselleiras e parece lóxico aplicar un principio de prudencia, porque se algo vimos estes días e que paralizar toda a actividade non esencial funciona e polo tanto con máis tempo, estariamos consolidando unha boa tendencia e salvando vidas”, argumentou.

Pontón confirmou a intención do BNG de pedir unha comisión parlamentaria de investigación unha vez recuperada á normalidade, “por respecto ás vítimas e as súas familias”, para esclarecer que se fixo mal e poder corrixilo, porque resulta evidente que o Goberno galego non soubo anticiparse “que houbo deixadez” e porque, pese a que a Xunta coñecía as deficiencias existentes en moitos centros privados, “mirou para outro lado durante moito tempo”. Todo iso require esixencia de responsabilidades políticas, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG