Ana Pontón: “Acabar coa estafa da AP-9 será clave na axenda galega do BNG no Estado”

Camión AP-9
Camión AP-9

Acabar coa estafa legalizada da AP-9 é unha das cuestións clave na axenda galega que o BNG defenderá ante o Estado para poñer fin á “discriminación” dos sucesivos gobernos do PP e do PSOE, que se alternan nun agravio que saquea os petos de 22.000 galegos e galegas que cada día usan a autoestrada, a terceira máis cara de toda a rede estatal.

“Queremos deixar patente a indignación polas subidas continuas e desproporciondas das peaxes, -que en 2020 volver ser a de maior incremento-, e por iso mantemos un compromiso moi claro: conseguir a xestión da AP9 como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes e será un tema clave na axenda galega ante o Estado e, desde logo, vai condicionar a nosa actuación nos próximos días.  Os que aspiran a gobernar no Estado teñen que ter claro que está é unha posición firme e sólida e non imos permitir que siga o trato discriminatorio con noso país”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.

“É unha cuestión fundamental para a investidura e para a lexislatura porque afecta a miles de galegos e galegas que cada día son obrigadas a pasar pola caixa de AUDASA”, sintetizou.

A líder nacionalista salientou que desde 1977 as peaxes da AP-9 aumentaron un 1.800%, que desde que AUDASA ten a concesión a recadación ascende a 2.500 M€ e que en 2048, cando finalice, a cifra subirá a 14.500 millóns de euros. Destacou tamén que só tres autoestradas teñen a concesión máxima de 75 anos e dúas están en Galiza, AP-9 e AP-53.

A estafa legalizada das tarifas “tanto polo PP como polo PSOE”, denunciou, lastra as economías familiares e a competitividade das empresas e dos sectores produtivos do país. Así, citou como exemplo o sector do transporte: un camión que faga a ruta A Coruña-Vigo dúas veces ao día, algo moi frecuente, gasta en peaxes 2.832 € ao mes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG