Xerais 2019 (10N)

Ana Pontón: “O 10N imos colocar Galiza no mapa político do Estado”

Pide responder nas urnas “á discriminación e o pasotismo” optando polo BNG “para facer o que sempre fixemos: defender un futuro mellor para este país”

Eufórico arranque de campaña cun encontro nacional que congregou a un millar de militantes e simpatizantes nun acto c@s cabezas de lista ao Congreso: Nestor Rego (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Francisco García (Ourense) e Carme da Silva (Pontevedra)

O BNG congregou en Santiago a un millar de cargos políticos, militantes e simpatizantes nun encontro nacional co que arranca a campaña electoral do 10N, nun ambiente cargado de optimismo que sintetizaron as persoas asistentes ao acto coreando reiteradamente o lema “desta vai”.

Así arrancou tamén a súa intervención a portavoz nacional, Ana Pontón, convencida de que hoxe son moitos máis os galegos e galegas que, con independencia do que votasen o 28A, saben que Galiza perde cando o BNG no está no Congreso, e por iso van aproveitar a cita coas urnas para recuperar voz propia no Estado da man do Bloque.

“O 10N é o día para dicir basta xa de tanta discriminación, de tanto pasotismo, de tanto desprezo con este país e desta vai porque coa forza das urnas o 10N imos colocar Galiza no mapa político do Estado. Ese é o compromiso do BNG, aproveitar a representación no Congreso para facer o que sempre fixemos: defender un futuro mellor para este país, defender un futuro mellor para os galegos e as galegas”, proclamou Pontón.

Nunha campaña que definiu como “aparentemente fría e distante pensada para que non se falen dos problemas deste país”, instou a mobilizarse: “fai seis meses quedamos ás portas, faltou un puñado de votos, por iso pídovos que nos mobilicemos, que transmitamos o entusiasmo que se respira neste encontro a todo o noso entorno”, ao tempo que se dirixía a toda a xente “cabreada co espectáculo da política madrileña”.

“A todas as persoas que están fartas da frivolidade e dos egos madrileños, pídolles que o 10N transformen o cabreo en algo útil para Galiza: apoiar ao BNG. Non fomos parte do problema, queremos ser parte da solución porque temos as mans libres para defender a este país, porque saben que poden cunha organización seria, con proxecto sólido e unido, que se renova e suma”, argumentou.

Neste sentido, agradeceu o apoio da militancia e de todas as persoas que “sin ser do BNG” se suman ao proxecto do Bloque, -con referencia expresa ao apoio de CxG-, porque comparten a causa común de darlle voz a Galiza no Estado. “É un obxectivo que vai máis alá das siglas, é un obxectivo de País”, proclamou.

Criticou o bipartidismo PP-PSOE ,-“os pili-mili da política polo moito que se parecen á hora de discriminar a Galiza”, ironizou-, empeñados en que a campaña se centre “en Madrid e Cataluña para silenciar Galiza”, axudados dos seus respectivos aparellos mediáticos. Como antídoto, instou a facer “campaña a pé de rúa con toda intensidade” para consolidar o avance do BNG das tres últimas citas electorais, avance que ten unha razón de fondo.

“É unha razón ben sinxela: tras falsas expectativas quedou demostrado que os intereses de Galiza só contan para o BNG porque ás forzas políticas co centro de decisión en Madrid, -dá igual de dereitas, de esquerdas, de centro ou medio pensionistas-, nunca defenderon nin defenderán os intereses deste país, para iso está o BNG”, argumentou.

De feito, tras o espectáculo dos últimos meses, a líder nacionalista está convencida de que cada vez son máis os e as galegas que non se senten representadas nin polo bipartidismo PP-PSOE nin polo baile de siglas a un lado e outro.

Críticas a política anti-Galiza de Feixóo

Críticas moi duras contra o presidente da Xunta por encabezar un goberno cada vez máis contrario os intereses do país. “Quero dicirlle ao señorito dos Peares que anti-Galiza é un decreto que prohibe ensinar matemáticas ou física en galego, anti-Galiza é ser cómplice de todos os atrasos do AVE, vetar unha tarifa eléctrica galega, recortar na sanidade poñendo en risco a vida das persoas e anti-Galiza é un presidentiño que pasou de ser o recadeiro de Raxoi a ser o recadeiro de Casado”.

Para Pontón, as críticas de Feixóo ao BNG “só demostran o seu nerviosismo e que nestas eleccións busca competir polo voto da ultradereita coa que até nada compartía partido e agora gobernos porque son dúas caras da mesma moeda”. E avanzou: “en canto convoque as eleccións galegas, será o BNG quen o bote fóra da Xunta por ser o peor presidente da historia deste país”.

Encontro abertoRachar a procesión dos caladiños

O BNG comprométese a condicionar a política do Estado a favor de Galiza. “Unha cousa está clara: Nestor, Olalla, Paco, Carme non van ir ao Congreso para estar calados e, fronte a procesión dos caladiños de PP, PSOE, Podemos, o BNG vai devolverlle a Galiza o peso político que nunca debeu perder”. Urxe “facerse valer” como xa fan vascos, cataláns, canarias, valencianas e até Cantabria ten voz propia no Congreso, Galiza non pode ser a única “que siga muda, fora do debate, excluída da axenda do Estado”.

“Poñeremos a nosa representación ao servizo dos e das galegas, porque isto non vai do futuro de Sánchez nin de Casado. O 10N vai dos 6.000 empregos en xogo só no sector industrial en empresas como ENDESA, ALCOA entre outras; vai de como subir as pensións que son as segundas máis baixas do Estado, vai de acabar coa estafa da AP9, vai de que chegue o AVE e de ter cercanías, vai de que paguen a débeda en dependencia, vai de ter un sistema de financiamento xusto, vai de defender un novo status que nos recoñeza como nación. Por iso, é momento de apostar por Galiza, é o momento de apostar polo BNG”, concluíu.

Pontón estivo precedida polas intervención dos candidatos e candidatas cabezas de lista ao Congreso, Nestor Rego (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Francisco García (Ourense) e Carme da Silva (Pontevedra), nun encontro nacional que congregou a un millar de persoas na capital de Galiza, que foi presentado polo escritor Suso de Toro e pola portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín, e conducido pola artista Alba María e o actor Miguel Pernas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG