Ana Miranda ve positivo que o xuíz pida á UE un informe integral de riscos no accidente de Angrois

Ana Miranda coa Asociación de Vítimas do Alvia no Parlamento Europeo
Ana Miranda coa Asociación de Vítimas do Alvia no Parlamento Europeo

Lembra que o BNG xa reclamara  o informe integral de riscos da liña Ourense-Santiago onde se produciu o accidente que provocou a morte de 80 persoas e 144  feridos

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda considera moi positivo que o  xuíz instrutor do accidente ferroviario de Angrois,  Andrés Lago  Louro requira  da  Axencia Ferroviaria Europea un informe para determinar a  avaliación integral de riscos  na liña   Ourense-Santiago, onde se produciu o accidente de Angrois.

Miranda salienta que o BNG xa solicitou un informe de riscos integral á Axencia Ferroviaria europea  para non circunscribir a avaliación exclusivamente á  maquina e a liña porque, ao seu xuízo, “deberon contemplarse todos os riscos sobre todo ante a posta en marcha dun novo tren de alta velocidade”.

Por outra parte, a portavoz do BNG en Europa asegura que a petición do xuíz Lago Louro é “un primeiro paso no esclarecemento do accidente de Angrois” ao que debe seguir a solicitude de comparecencia da propia Axencia Ferroviaria europea. Estou segura, afirma Miranda, que a Axencia responderá de maneira satisfactoria a toda a información que dende Galiza lle sexa requirida no xuízo.

Miranda reitera que a avaliación de riscos “era obrigatoria”  como establecía a propia Axencia Ferroviaria europea, sen  embargo  “nin o Estado nin ADIF estiveron dispostos a realizala ”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG