Parlamento europeo

Ana Miranda trasladará á Comisión Europea a discriminación dos profesionais de Radiodiagnóstico, Radioterapia e Medicina Nuclear

Ana Miranda
Ana Miranda
BNG critica os impedimentos para que os estudos que dan acceso a esta profesión sexan recoñecidos como titulación universitaria

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, anunciou que trasladará á Comisión Europea a discriminación que viven os Técnicos especialistas en Radiodiagnóstico, Radioterapia e Medicina Nuclear, xa que o Estado español é o único Estado Membro no que os estudos necesarios para exercer esta profesión non están recoñecidos como título universitario. “Queremos acadar a equiparación desta especialidade, que permitirá garantir a mobilidade en igualdade de condicións, así como a ampliación da súa formación, tal e como demanda o colectivo de profesionais desde hai anos”, salienta.

Ana Miranda sinala que existe diversa normativa europea aplicable para garantir a equiparación das titulacións, como a Directiva 2005/36/CE do Parlamento Europeo e do Consello de 7 de setembro de 2005 relativa ao recoñecemento de cualificacións profesionais, e tamén a Recomendación do Consello de 26 de novembro de 2018 relativa á promoción do recoñecemento mutuo automático das cualificacións de educación superior e de educación secundaria postobrigatoria e dos resultados dos períodos de aprendizaxe no estranxeiro.

O grupo de traballo que reúne a boa parte destes profesionais en una comisión interinstitucional considera que a formación que recibe actualmente é escasa e insuficiente para cubrir todas as ramas que existen na súa profesión, que conforman aspectos tan diferentes como a radiografía, a mamografía, a resonancia magnética, a tomografía computarizada, a ecografía, a gammagrafía, a tomografía por emisión de positróns, aceleradores lineais en Radioterapia, entre outros.

Neste sentido, o BNG faise eco das súas demandas tanto educativas como respecto á necesidade de aumentar a calidade da súa asistencia sanitaria. Consideran, por un lado, que a súa especialidade é fundamental no funcionamento cotiá dun centro sanitario, e por outro tamén defenden contar coa oportunidade de traballar noutros países e estar ao mesmo nivel formativo que os seus colegas europeos, onde o seu ciclo educativo é un título universitario.

Recoñecemento dos títulos

Outro dos problemas que Ana Miranda insta a solucionar refírese á denuncia sinalada polo colectivo sobre as dificultades para conseguir o recoñecemento no Estado español dos títulos obtidos noutras universidades europeas, como por exemplo na Universidade de Coimbra, (IPC-ESTeSC), xa que parte dos profesionais se trasladaron a esta cidade lusa para obter o grao correspondente. “Resulta inadmisible que a titulación de profesionais obtida nunha universidade europea non sexan recoñecida no Estado español”, manifesta a portavoz do BNG en Europa.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG