Ana Miranda traslada a solidariedade do BNG ao Partido Democrático dos Pobos–HDP no seu 5º congreso

Ana Miranda congreso HDP
Ana Miranda congreso HDP
A política nacionalista salienta que o partido turco procurdo “é exemplo de loita democrática contra a represión de Erdogan”

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, participou no 5º Congreso do Partido Democrático dos Pobos – HDP, ao que trasladou a “total solidariedade e apoio do Bloque” fronte aos ataques das autoridades turcas contra este partido turco procurdo. “O HDP é un exemplo de loita democrática, feminista e ecoloxista contra a represión e a persecución exercida polo goberno do ditador Erdogan”, salienta Miranda.

“Xunto ao HDP, desde o BNG esiximos medidas democráticas e de consenso, coa busca dunha solución permanente e duradeira que teña en conta as demandas do HDP”, salienta a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, quen asistiu ao congreso como parte da delegación do bureau da Alianza Libre Europea (ALE), partido político europeo cunha longa tradición de solidariedade coa causa curda-.

Ana Miranda explica que desde este congreso, -que que contou cunha participación de 30.000 persoas e arredor de 50 organizacións políticas internacionais-, o HDP envía unha mensaxe ao goberno turco de que sigue en pé e “non vai ceder ao fascismo de Erdogan nin á persecución á que son sometidos desde hai anos”, incluso co ataque directo ás sedes e a dirixentes políticos, moitos xa no exilio.

Hipocrisía do Estado español e da UE

“Resulta imprescindible a solución do conflito curdo para que exista a paz, non só en Turquía senón tamén no Oriente Medio, pero tamén ten que rematar a hipocrisía do goberno español, que vende armas a Turquía, e a hipocrisía da Unión Europea, que en lugar de defender os dereitos humanos do pobo kurdo segue a pagarlle a Turquía polo control das fronteiras, nun acordo da vergoña”, sinala a portavoz do Bloque en Europa.

Ana Miranda avanza que o BNG, como membro da delegación con Turquía do Parlamento Europeo, estará “moi pendente” do que aconteza nos vindeiros meses co HDP, xa que en 2023 Turquía terá eleccións. “O HDP ten 6,5 millóns de votos, que representa o 13%”, indica, “polo que é fundamental que teñan garantido que poidan concorrer ás eleccións en igualdade de condicións”.

O apoio do Bloque ao HDP conta cunha longa traxectoria. Hai pouco máis dun ano, no mes de marzo de 2021, a portavoz do Bloque en Europa participou como observadora no denominado xuízo “Kobanî Case”, contra 108 representantes do HDP, incluídos os seus copresidentes Selahattin Demirtaş e Figen Yüksekdağ, e parlamentares e representantes municipais, nunha das actuacións sistemáticas de represión e persecución do goberno de Erdogan contra o HDP. Ademais, en 2019 particiou na Delegación do Parlamento Europeo de observación no xuízo sobre o encarceramento do líder Curdo do HDP turco, Selahattin Demirtas, no Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo, así como no congreso anual do Partido Democrático do Pobo – HDP, celebrado en Ankara en 2020. En decembro de 2018, formou parte da delegación da Asemblea parlamentar conxunta Unión Europea – Turquía, así como na delegación de observadores internacionais no referéndum que tivo lugar en Turquía no ano 2016.

Do mesmo xeito, o HDP contará coa súa propia representación oficial o vindeiro 25 de xullo, nos actos do Día da Patria Galega.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG