Ana Miranda traslada o respaldo do BNG a Xiomara Castro, presidenta electa de Honduras

Ana Miranda e Xiomara Castro
Ana Miranda e Xiomara Castro
A coordinadora de Relacións Internacionais do Bloque fixo entrega á mandataria hondureña dun agasallo simbólico en homenaxe a Rosalía de Castro

Un marcapáxinas en homenaxe a Rosalía de Castro foi o agasallo co que Ana Miranda trasladou á Xiomara Castro os parabéns en nome do BNG pola súa vitoria nas eleccións do pasado 28 de novembro, que marcan un punto de inflexión ao iniciar un novo goberno de esquerdas. “Como muller nacionalista e de esquerdas é un honra trasladar á presidenta electa de Honduras este símbolo tan querido no noso país”, manifestou a coordinadora de Relacións Internacionais do Bloque.

Con esta viaxe a Honduras, Ana Miranda reforza o internacionalismo do Bloque, así como o apoio ao proceso democrático que está atravesando Honduras. Precisamente o traspaso de mando prodúcese nunhas circunstancias tremendamente complexas nas que non se poden esquecer a pobreza e a corrupción a respecto das que a propia presidenta electa dixo recibir o país en bancarrota tras doce anos de ditadura.

Ademais de asistir a toma posesión da nova presidenta electa e participar nas diversas reunións bilaterais previstas na axenda oficial da “Transmisión de Mando Presidencial” e nos saúdos ás delegacións oficiais, a portavoz do BNG en Europa mantén ademais encontros con representantes do Partido Libertad y Refundación (Libre), do que forma parte Xiomara Castro, e con diversos colectivos feministas, de defensa dos dereitos humanos e medio ambientais.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG