Parlamento Europeo

Ana Miranda traslada á CE nova información para completar a denuncia contra España sobre seguridade ferroviaria

visita Alvia Comisión Europea
visita Alvia Comisión Europea
O BNG critica que a CIAF siga sen facer unha investigación independente sobre o sinistro do Alvia ocorrido en 2013

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, trasladou hoxe á Comisión Europea información complementaria no marco do procedemento de infracción aberto –en xaneiro de 2018- contra o Estado español sobre as medidas de seguridade ferroviaria, que inclúe o accidente de Angrois, co fin de que sexa incorporada na investigación en curso contra o Estado Membro.

Na documentación presentada, Miranda inclúe a resposta ofrecido polo goberno español á pregunta rexistrada polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, na que se asegura que a CIAF “goza de plena independencia funcional respecto de calquera organismo ou entidade” e que o “informe elaborado realiza unha análise pormenorizada, correcta e independente do accidente”.

Ao respecto, Miranda lembra que a CIAF “está trasladando unha idea falsa”, en tanto que a Comisión Europea xa manifestou no informe da Axencia Ferroviaria Europea, de xullo de 2016, que o informe presentado por este organismo non contaba coa independencia esixida polas autoridades europeas. De feito, nas súas consideracións, a Axencia Ferroviaria Europea sinalou que a CIAF non cumpriu axeitadamente a súa obriga de investigar o accidente. E neste mesmo sentido se expresou o xefe do departamento de Seguridade da ERA, Chistopher Carr, cando compareceu na Comisión de Investigación do Congreso, en novembro de 2018.

Procedemento de infracción

“Temos que denunciar que, desde que sucedeu o accidente, os distintos gobernos do Estado non deron nin un só paso por garantir unha investigación independente, senón todo o contrario, o seu empeño foi impedir que se fixera”, critica a portavoz do BNG en Europa. Neste sentido, sinala que a propia Comisión Europea así o recoñece nunha resposta ofrecida sobre a dilación do procedemento de infracción, cando sinala que “as normas xerais sobre o procedemento de infracción son de aplicación no caso de dita Directiva e, como se indicou, o procedemento mencionado pola Súa Señoría sigue pendente”.

Ana Miranda lembra que este procedemento de infracción, iniciado pola CE en xaneiro de 2019, é consecuencia da denuncia presentada polo BNG na Comisión Europea en 2017 contra o Estado, o Ministerio de Fomento, ADIF e RENFE por infracción do dereito comunitario en materia de seguridade ferroviaria e por non facer o control de riscos que esixe a norma no caso do accidente do Alvia.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG