Parlamento Europeo

Ana Miranda traslada ao Parlamento Europeo a petición de que o sector do marisqueo sexa incluído na modificación do FEMP

Ana Miranda
Ana Miranda
O BNG considera fundamental que o marisqueo a pé e a frota conten con axudas complementarias para paliar as consecuencias da crise

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defende a inclusión do sector do marisqueo a pé e a frota na modificación do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP) para que conten con axudas complementarias que contribúan a paliar as consecuencias da crise polo coronavirus. Así, a través do grupo Verdes-ALE apoiarase a petición urxente da Comisión de Pesca da Eurocámara para que a modificación sexa votada no pleno que a Eurocámara vai celebrar esta semana.

“Posto que o Consello xa aceptou incluír axudas ao marisqueo a pé na modificación do FEMP, agora só falta que o pleno do Parlamento Europeo dea o seu visto bo, iniciativa que o desde o grupo Verdes-ALE agardamos acadar”, subliña a portavoz do Bloque en Europa, quen amosa a súa preocupación pola paralización das actividades pesqueiras e marisqueiras que poden sufrir estes sectores en Galiza, tendo en conta que se trata dun sector estratéxico.

“Por un lado as profesionais destes sectores necesitan parar temporalmente para evitar a enfermidade, pero por outro o impacto deste parón na economía das familias lévaas a unha situación de extrema gravidade”, explica Ana Miranda, quen lembra que xa no período 2012-2013, -cando se produciu a anterior reforma do FEMP-, o BNG no Parlamento Europeo solicitou que o marisqueo fose unha das actividades subvencionables por estes fondos europeos.

Cese temporal da actividade

A portavoz do Bloque explica que o FEMP debe incluír a posibilidade de que o sector reciba axudas polo cese temporal de actividade, por afección directa (corentena) ou indirecta debido a factores comerciais como a imposibilidade de venda en moitos lugares, polo que defende que tamén sexan contempladas axudas para o almacenamento de produtos do mar.

Ana Miranda sinala que esta crise causada pola pandemia do COVID19 súmase á complicada situación do marisqueo, que atinxe sobre todo a mulleres, que desenvolven o seu traballo profesional nunha complicada situación laboral. Esta grave situación ten sido denunciada xa polo BNG tanto en Galiza como en Bruxelas, como na recente visita que realizaron no pasado mes de febreiro para participar na constitución da Rede Europea de Mulleres na Pesca Aktea, na que participaron activamente representantes do sector do marisqueo, entre outros.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG