Ana Miranda traslada ao delegado da Fronte Polisaria en Galiza o apoio do BNG á loita do pobo saharauí polos seus dereitos

Ana Miranda Fronte Polisaria
Ana Miranda Fronte Polisaria
O Bloque fai un chamamento a acadar unha solución internacional que poña fin ao ataque de Marrocos e que recoñeza o Sáhara Occidental
Ana Miranda traslada ao delegado da Fronte Polisaria en Galiza o apoio do BNG á loita do pobo saharauí polos seus dereitos

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, trasladou ao delegado da Fronte Polisaria en Galiza, Mohamed Mehdi Zerga, e á presidenta de Solidaridade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla, o apoio do Bloque as reclamacións do pobo saharauí, así como as diversas iniciativas desenvolvidas no Parlamento Europeo. Entre elas figuran diversas preguntas dirixidas a Comisión Europea e unha carta dirixida ao Alto Representante de Política Exterior da UE, Josep Borrell,, na que se condena rotundamente a posición de Marrocos.

“Denunciamos a ilegalidade que Marrocos está cometendo coa ocupación do Sáhara de máis de 45 anos, que lamentablemente contou co consentimento do Estado español e do beneplácito do rei emérito”, denuncia a coordinadora de Relacións Internacionais do Bloque, quen critica que esa ocupación ilegal vai acompañada do espolio dos recursos do pobo saharauí nos territorios ocupados do Sáhara Occidental.

Ana Miranda expresou a Mohamed Mehdi Zerga o respaldo do BNG á Fronte Polisaria na súa loita contra a ocupación militar e polo exercicio do dereito de autodeterminación e a independencia, compromiso que a formación nacionalista ten levado a cabo na Eurocámara en diversas ocasións, como as denuncias do acordos pesqueiros con Marrocos sen ter en conta que o reino marroquí non ten xurisdición sobre o territorio do Sáhara Occidental, tal e como ditan as resolucións de distintos organismos internacionais e da ONU.

“Facemos un chamamento a unha solución internacional que recoñeza o Sáhara Occidental”, afirma a portavoz do BNG en Europa, ao tempo que lembra que durante máis de corenta anos o Estado español abandonou o pobo saharauí, consentindo que Marrocos incumpra as resolucións internacionais, ocupando de forma ilexítima o territorio saharauí e vulnerando os seus dereitos políticos e humanos.

 

Ana Miranda traslada ao delegado da Fronte Polisaria en Galiza o apoio do BNG á loita do pobo saharauí polos seus dereitos