Ana Miranda: “É tempo de cambiar a hora imposta polo Franquismo”

Ana MIRANDA in the EP in Strasbourg
Ana Miranda

A eurodeputada do BNG defendeu no pleno do Parlamento Europeo a corrección do desfase horario en Galiza

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, interveu esta mañá na sesión plenaria do Parlamento Europeo para reclamar o fin da do desfase horario imposto polo franquismo, para adaptar a hora á Alemaña nazi, desfase que en Galiza chega a superar as dúas horas de diferenza entre a hora solar e a oficial.

Na súa intervención, Miranda sinalou que a proposta realizada polo presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker, de non cambiar a hora, é “unha oportunidade para os países que non teñen o fuso horario ao meridiano de Greenwich”. Neste sentido lembrou que a semana pasada envioulle unha carta na que lle solicitaba manter unha reunión na que explicarlle esta situación e trasladarlle a proposta do BNG para corrixila.

Galiza é un dos países do mundo con maior desfase entre a hora oficial e a denominada hora solar. Xeograficamente está no fuso GMT-1, máis a hora oficial é a GMT+1 e no verán as zonas máis occidentais de Galiza chegan a ter unha diferenza de dúas horas e media a respecto da hora solar.

Para o Bloque, que en Galiza se leve a cabo o axuste do fuso horario e se corrixa este desfase tería “innegables beneficios para a calidade de vida dos galegos e galegas e a racionalización dos horarios”, fronte ao fuso actual, que non responde a ningún tipo de aforro enerxético nin de mellora da vida da cidadanía.

En consecuencia, a adaptación da hora ao mesmo meridiano da situación xeográfica, como nos casos de Irlanda, Portugal ou as Illas Canarias, sería a solución máis acaida para Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG