Ana Miranda solicita a visita dunha delegación oficial do Parlamento Europeo a Galiza para investigar a minería contaminante

Miranda Evans
Miranda Evans
A Comisión de Peticións mantén aberta a denuncia pola mina de San Finx grazas á presión do grupo Verdes-ALE, ao que pertence o BNG
Ana Miranda solicita a visita dunha delegación oficial do Parlamento Europeo a Galiza para investigar a minería contaminante
Tras a sesión da Comisión de Peticións da Eurocámara na que a denuncia por contaminación referida á mina de San Finx quedou aberta grazas á presión exercida polas eurodeputadas de Verdes-ALE -grupo no que se insire o Bloque na Eurocámara-, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, expresou a súa satisfacción por que este camiño se manteña aberto. Ademais considerou “indispensable” a visita dunha misión oficial do Parlamento Europeo para analizar a explotación mineira de San Finx así como a megaminería contaminante en Galiza.

“Europa ten que coñecer que sucede na ría de Muros e Noia como consecuencia dos verquidos desta mina igual que hai anos unha delegación da Eurocámara visitou a ría do Burgo”, salienta Ana Miranda, en referencia á visita celebrada en 2013 por un grupo de eurodeputados e eurodeputadas para coñecer o estado das rías galegas e que motivou a elaboración dun informe no que se instaba ao dragado da ría do Burgo, actuación aínda pendente posto que os fondos europeos non foron solicitados.

Para Miranda é preciso avanzar no cumprimento da Directiva Marco da Auga –que establece os límites máximos de certas substancias perigosas e perigosas prioritarias- e avaliar os datos de contaminación que sinala a denuncia sobre a contaminación da mina de San Finx, que indica a presencia de altos niveis de metais pesados, como cadmio, cobre e zinc.

Ano e medio de retraso

A portavoz do BNG en Europa criticou duramente que precisamente onte chegara o informe da Xunta solicitado pola propia Comisión en 2018, con ano e medio de retraso e no que o goberno galego di que non é preciso informe de impacto ambiental para a mina de San Finx. “A falta de transparencia respecto á información ambiental é unha cuestión sistémica, non se trata de casos illados”, denuncia Miranda ao respecto.

Pola súa banda, Joam Evans Pin, o peticionario que explicou na Comisión de Peticións as consecuencias negativas da mina tanto para o sector pesqueiro como medioambiental da comarca, manifestou a súa satisfacción por que a petición quedara aberta pero tamén a súa sorpresa por que a Xunta enviara a última hora da tarde a información requirida.

“Trátase dunha auténtica tomadura de pelo e unha burla ao Parlamento Europeo e a toda a xente que está preocupada pola situación das presas mineiras”, criticou Evans ao respecto. Ao seu xuízo, a resposta do goberno galego é un “negacionismo absoluto que só pretende cubrir as costas das persoas que durante os últimos anos veñen activamente traballando para que as empresas mineiras non teñan que asumir ningunha responsabilidade ambiental e para que os pasivos ambientais queden abandonados como unha espada de Damocles sobre as poboacións afectadas”, xa que considera que a presa maior de San Finx pode rebentar.

Ademais de considerar a pertinencia de que a petición quede aberta e de realizar unha misión a Galiza, a este retraso “insultante” do goberno galego no traslado de información á Eurocámara fixeron referencia as deputadas do grupo Verdes-ALE, a danesa Margrete Auken e a letoa Tatjana Zdanoka, vicepresidenta da Comisión de Peticións. “Que se diga que non é preciso informe de impacto ambiental porque é unha vella mina é absurdo”, engadiu Auken, mentres que Zdanoka instou á Comisión a facer o seu traballo. “É inaceptable traballar nestas condicións”, salientou.