Ana Miranda será a cabeza de lista do BNG nas Europeas de 2019

Ana Miranda
Ana Miranda

A candidata ás europeas acadou o total apoio da militancia e do Consello Nacional co 97% dos votos a favor

O Consello Nacional ratificou a proposta de concorrer conxuntamente con EH-Bildu e ERC, “unha alianza electoral que porá o foco na defensa da democracia, as liberdades e os dereitos fronte á grave involución democrática que vive o Estado español", afirmou a portavoz nacional do BNG.

Ana Miranda será a cabeza de lista do BNG nas Europeas de 2019

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón confirmou hoxe, trala reunión do Consello Nacional, que a actual eurodeputada do BNG, Ana Miranda será a cabeza de lista ás Eleccións europeas. A candidata escollida como cabeza de lista polo BNG concitou o total apoio da militancia e Consello Nacional cun 97% de votos a favor.

Asemade, o Consello Nacional ratificou a proposta de concorrer conxuntamente con EH-Bildu e ERC,  “unha alianza electoral que porá  o foco na defensa da democracia, as liberdades e os dereitos fronte á grave involución democrática que vive o Estado español”, afirmou.

O escano de Ana Miranda terá un “marcado carácter social”  na senda da denuncia  da precariedade laboral, a emigración da mocidade galega, o recorte de servizos públicos, da sanidade  a reforma das pensións e a defensa dos dereitos nacionais de Galiza.

A líder do BNG destacou a importancia  do traballo político realizado en Europa por Ana Miranda  e avanzou que este traballo terá continuidade  para denunciar o recorte das liberdades no Estado español.

Sobre a  coalición electoral, explicou Pontón,  a Executiva do BNG remitiu ás bases unha proposta: “optar por  forzas soberanistas das tres nacións sen estado: Galiza, Euskadi e Catalunya para frear o actual proceso de involución democrática e de recortes de dereitos e liberdades”. A coalición é unha garantía para que o BNG sega defendendo os intereses de Galiza na UE e isto, dixo, é o que realmente molesta ao Partido popular, “Que Galiza conte en Europa con voz propia e sen condicionamentos alleos”.

Consello Nacional do BNGANA MIRANDA, MULLER ACTIVISTA NA DEFENSA DE GALIZA NA UE

Pontón destacou o amplo apoio do BNG a Ana Miranda, unha muller que ten acreditada a súa grande capacidade de traballo e activismo na defensa dos intereses de Galiza na Erocámara. Un traballo político, recalcou, relevante en torno ao Alvia sobre o que conseguiu  que a Axencia Ferroviaria Europea emitira un informe clave para darlle a volta ao xuízo, a defensa das nosas rías, a inclusión de Galiza no corredor atlántico de mercadorías, a posición de Galiza ante a PAC ou a súa destacada participación na resolución do Parlamento Europeo contra o avance dos fascismos pedindo a ilegalización de Fundación  Francisco Franco.

Ana Miranda,   representou con “dignidade” a Galiza dende o seu escano cun traballo “recoñecido, útil e eficaz”, e  o noso país precisa máis que nunca un BNG forte para poñer a Galiza no centro do debate político, manifestou.

FREAR O AVANCE DA ULTRADEREITA

Na súa intervención, Pontón non escatimou críticas ás políticas de recortes  do Partido popular do que dixo, “é  un PP que vai de moderado pero que pacta cunha forza política que quere derrogar a lei contra violencia de xénero” e tanto é así, que ao propio  Feixóo escapóuselle  a súa preferencia por pactar antes con VOX que co BNG. “Feixóo está mais cerca dun partido racista, xenófobo, antigalego e  que quere acabar coa lei contra a violencia de xénero  que dunha forza política como o BNG que somos democráticos, que defendemos a igualdade, combatemos a discriminación das persoas pola súa nacionalidade e sempre defendemos  os intereses de Galiza”.

A portavoz do BNG cualificou a Alberto Núñez Feixóo de “Terminator” e responsable do deterioro da sanidade pública e asegurou que a pesar do intento do PP de manipular e ocultar a realidade, seguen producíndose un gran número de denuncias de doentes, persoal médico, sindicatos e por iso reclamamos  ao PP que rectifique porque está poñendo en perigo a vida das persoas.

Pontón concluíu a súa alocución facendo un chamamento a non “deixarnos levar pola política do medo que busca que nada cambie” e a frear o avance da ultradereita que pretende levar a adiante máis recortes de dereitos e recentralización.