Ana Miranda reunirase coa Defensora Europea do Pobo para abordar a denuncia sobre o accidente do Alvia

reunión Alvia Comisión E
reunión Alvia Comisión E

A eurodeputada do BNG critica a inacción do goberno estatal para cumprir a normativa comunitaria de seguridade ferroviaria

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, manterá un encontro o vindeiro martes en Estrasburgo coa Ombudsman (Defensora Europea do Pobo), Emily O´Reilly, para abordar o incumprimento da normativa europea en seguridade ferroviaria por parte do Estado español no caso do accidente do Alvia, ocorrido en 2013, e a denuncia presentada polo Bloque que propiciou a apertura dun procedemento de infracción por parte da Comisión Europea contra o Estado Membro.

“Que as portas do sexto aniversario do accidente de Angrois non se teña realizado unha investigación independente que busque as súas causas reais lévanos a seguir confiando nas institucións europeas”, salienta Ana Miranda ao respecto, quen lembra a total disposición tanto da Comisaria de Transportes, Violeta Bulc, como da directora de Transporte ferroviario da Comisión Europea, Elisabeth Werner, para recibir ás vítimas do accidente e para dar os pasos precisos no obxectivo de que o Estado cumpra a lexislación europea.

A eurodeputada do BNG lembra que foi o pasado mes de xaneiro cando a Comisión Europea abriu o procedemento de infracción contra o Estado español por incumprimento da normativa comunitaria en seguridade ferroviaria. “Até o momento só sabemos que o Estado pediu unha prórroga de dous meses para implementar a normativa de seguridade ferroviaria de control de riscos e un plan de acción que a poña en práctica, tal e como pide a Comisión Europea”, salientou.

Ana Miranda explica que “esta inacción por parte do goberno é a que nos levou a solicitar un encontro coa Defensora do Pobo Europeo, co obxectivo de que a Comisión Europea lle faga cumprir a súa propia directiva”. Neste sentido sinala que a súa función principal consiste en investigar as reclamacións relativas a unha mala xestión por parte das institucións e organismos da UE.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG