Ana Miranda reúnese co presidente corso, Gilles Simeoni, como reforzo dos lazos das nacións europeas sen estado

Ana Miranda e Gilles Simeoni
Ana Miranda e Gilles Simeoni
BNG forma parte da delegación da Alianza Libre Europea-ALE que desenvolve unha xornada de traballo en Córsega

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, participa na cidade de Bastia en diversos encontros con representantes do Pobo corso, no marco das xornadas de traballo organizadas pola Alianza Libre Europea, que se desenvolven en Córsega. Así, Miranda reuniuse co presidente corso, Gilles Simeoni, como un elemento claro do reforzo dos lazos das nacións europeas sen estado e das loitas comúns.

En nome do Bloque, Ana Miranda felicitou ao presidente de Córsega pola vitoria electoral nas pasadas eleccións rexionais, nas que o nacionalismo corso integrado en Femu à Corsica obtivo a maioría absoluta, e convidouno a vir a Galiza. Gilles Simeoni lembrou a visita a Bastia do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no 2013, cando Simeoni era alcalde. Ao respecto Simeoni explicou que o modelo e urbanismo sustentable de Pontevedra foi unha referencia para a cidade de Bastia e trasladou o seu interese en visitar a cidade de Pontevedra no futuro.

Igualmente, o actual alcalde de Bastia, Pierre Savelli, transmitiu o agradecemento ao Bloque e ao alcalde pontevedrés por aquela visita, que se converteu nunha forte referencia para os proxectos futuros de abrir a cidade de Bastia ao mar, tal como lles suxerira Lores.

AM delegación EFA“En Córsega, as e os nacionalistas xa son goberno, e nós co BNG en Galiza serémolo en 2024”, afirmou Ana Miranda no encontro mantido cos principais representantes políticos corsos, lembrando que como pobos europeos estas alianzas e experiencias compartidas son un elemento fundamental “para amosar que podemos ser goberno e mellorar a calidade de vida dos nosos pobos”.

Loitas comúns

Segundo apuntou a portavoz do Bloque en Europa, o nacionalismo corso e o galego teñen moitas loitas comúns, como a defensa da autodeterminación, dos dereitos lingüísticos e a cultura propia, a defensa do medio ambiente –entre as que sinalou as loitas antinucleares-, e a xustiza social.

Neste sentido, Miranda recolleu as palabras pronunciadas polo presidente corso na Asemblea corsa -presidida pola nacionalista Marie Antoniette Mauperthuis-, cando manifestou que o combate dos pobos europeos no seu recoñecemento e na toma de decisións que lle afectan no marco europeo é un elemento común para moitos destes pobos europeos, nun momento difícil a nivel social, económico e medio ambiental no que o centralismo agrava os problemas.

Na delegación participan as eurodeputadas e eurodeputados da Alianza Libre Europea-ALE e diversos membros do partido político europeo, así como unha delegación da ALE no Comité das Rexións.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG