Ana Miranda representará ao BNG na toma de posesión do presidente electo de Bolivia, Andrés Lucho Arce

Ana Miranda e Evo Morales
Ana Miranda e Evo Morales
Ana Miranda trasladará o apoio do Bloque ao Movemento ao Socialismo polo triunfo electoral tras o fracaso do golpe de estado de 2019
Ana Miranda representará ao BNG na toma de posesión do presidente electo de Bolivia, Andrés Lucho Arce

O Bloque Nacionalista Galego estará representado pola súa portavoz no Parlamento Europeo, Ana Miranda, na toma de posesión do presidente electo do Estado Plurinacional de Bolivia, Andrés Lucho Arce, que se celebrará este domingo 8 de novembro na Paz. “O triunfo do MAS-IPSP supón o triunfo democrático do pobo de Bolivia pola súa soberanía e as transformacións sociais que realizara o Goberno de Evo Morales”, destaca Miranda, quen sinala que o BNG ten un acordo de irmanamento co MAS que plasma a súa longa relación política.

A coordinadora de Relacións Internacionais do BNG viaxa a Bolivia co obxectivo de trasladar o respaldo da Executiva Nacional do Bloque ao restablecemento da lexitimidade democrática protagonizada polo triunfo democrático do MAS, que que nas eleccións do pasado 18 de outubro obtivo o 55,1% dos votos. “Afortunadamente vemos como fracasou a estratexia imperialista de desestabilización de Bolivia, deseñada e practicada polo Departamento de Estado e os diversos servizos de intelixencia dos EEUU”, apunta Ana Miranda, quen subliña que “fronte a esa pretensión o Bloque sempre denuncia esa inxerencia”.

Presión internacional

Así, o BNG apoiou a presión internacional exercida dende o Parlamento Europeo, o Congreso e o Parlamento de Galiza, así como en diversas mobilizacións nas rúas galegas, para denunciar a vulneración antidemocrática e condenar o golpe fascista impulsado pola golpista Jeanine Añez, quen se proclamara presidenta de facto do país andino.

“Dende o principio denunciamos e condenamos a violenta campaña de ataques a medios de comunicación públicos, asalto e queima de vivendas de cargos públicos e líderes sociais, ataques e vexacións públicas machistas contra mulleres, e persecución revanchista e racista contra as comunidades que apoian os movementos sociais, sindicais e políticos partidarios do Movemento ao Socialismo (MAS-IPSP)”, salienta Ana Miranda.

Como membro da Asemblea interparlamentaria EUROLAT -que reúne os Parlamentos Latinoamericanos e o Parlamento Europeo-, a coordinadora de Relacións Internacionais do Bloque participou na reunión celebrada en Santa Cruz en 2019, á que asistiu o Presidente Evo Morales. Ademais, no pasado mes de xuño a Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou a Evo Morales o apoio dende Galiza ao Movemento ao Socialismo no encontro virtual organizado pola Fundación Galiza Sempre.

 

Ana Miranda representará ao BNG na toma de posesión do presidente electo de Bolivia, Andrés Lucho Arce