Ana Miranda: “A reforma electoral aprobada hoxe na Eurocámara é un ataque á diversidade europea”

Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez

A eurodeputada do BNG insta ao PSOE a rexeitar a nova lei no Consello para manter a pluralidade no Parlamento Europeo

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, considera que a aprobación do informe sobre a reforma da Lei Electoral Europea que tivo lugar hoxe na Eurocámara “vai en contra do respecto á pluralidade nacional, o respecto ás nacións sen Estado e o respecto á pluralidade política e cultural”.

Para a eurodeputada nacionalista é un erro a aprobación desta reforma, que resta pluralidade ao Parlamento Europeo e insta ao PSOE a que se opoña no Consello a que este proxecto quede definitivamente aprobado, xa que limitaría a representación de organizacións políticas, “algunhas delas que apoiaron a moción de censura que propiciou a entrada do novo goberno no Estado español”, apunta.

“Nós continuaremos opóndonos e pedíndolle ao Partido Socialista que se opoña a esa reforma que limitará a pluralidade na Eurocámara”, sinala Ana Miranda, para quen é “lamentable” a manobra dos partidos maioritarios para limitar a representación de partidos máis pequenos.

Cómpre lembrar que a intención do Consello da Unión Europea de recuperar unha lei electoral de 1978 se produce xusto a un ano das vindeiras eleccións europeas, que se celebrarán a finais de maio de 2019. Esta reforma, que afectará especialmente ás circunscricións únicas con máis de 35 escanos como o Estado español e Alemaña, inclúe a imposición dunha porcentaxe mínima de voto de entre o 2% e o 5%.

Millóns de persoas sen representación

“De saír adiante, podería quedar fóra do Parlamento Europeo non só o BNG”, critica a deputada do Bloque, “senón tamén Esquerra Republicana, PDeCAT, PNV, Compromís ou Bildu”. Segundo Ana Miranda, “o problema non só é que forzas políticas democráticas queden fóra da Eurocámara, senón que millóns de cidadáns e cidadás quedarán sen representación”.

Para o BNG resulta “completamente inadmisible” que se queira vender esta reforma como un modo de reducir as desigualdades, segundo asegurou a ponente deste informe (a eurdeputada polaca Danuta Hübner do grupo dos populares), cando millóns de cidadáns europeos deixarían de estar representados na Eurocámara ao limitar o seu acceso dos partidos máis pequenos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG