Ana Miranda reclama que a UE prohiba a venda de armas a Arabia Saudí e lamenta a matanza de crianzas en Iemen

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada do BNG pide asemade que o Estado español free a exportación armamentística e solicita a máxima transparencia

Ana Miranda reclama que a UE prohiba a venda de armas a Arabia Saudí e lamenta a matanza de crianzas en Iemen

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, lamenta a matanza de crianzas en Iemen reivindicada por Arabia Saudita e a considera un “acto terriblemente cruel”. Ademais critica a complicidade de moitos Estados europeos que seguen exportando armas aos saudís, polo que reclama que tanto a Unión Europea como o Estado español prohiban a exportación de armas a este país.

A coordinadora de Internacional da Executiva do Bloque lembra que o Estado español asinou o “Tratado sobre o Comercio de Armas” que esixe unha exportación responsable de armamento e que as armas exportadas non se usen para cometer violacións ao dereito internacional. Ao respecto, Ana Miranda sinala que un dos supostos baixo o que a exportación de armas estaría prohibida é se existe información de que as armas poderían empregarse para cometer ataques dirixidos contra civís ou bens de carácter civil. 

“Estamos perante un caso de crime humanitario e despois de anos vendéndolle armas a Arabia Saudía deben deterse estas. Máis de 8.000 civís mortos, tres millóns de persoas desprazadas, non son xa indicios suficientes?”, subliña a eurodeputada nacionalista, quen critica que o PP incrementara en 133% a venda de armas a Arabia Saudita e pregunta ao presidente do goberno español cal é o obxectivo de manter o compromiso adquirido polo anterior Executivo de aumentar nun 89% o gasto militar. 

Próximo orzamento

Co fin de esixir transparencia no gasto militar en Europa, Miranda diríxese á Unión Europea para preguntar polo incremento do gasto militar, que prevé no próximo orzamento para 2021-2027 un fondo europeo de defensa de 13.000 millóns de euros para financiar o desenvolvemento militar e as actividades de investigación. 

O BNG lembra que a UE aprobou recentemente a creación do primeiro programa comunitario para impulsar a innovación na industria europea de defensa, que conta cun orzamento de 500 millóns de euros para 2019-2020. 

Por outro lado, a eurodeputada nacionalista salienta que o BNG e unha organización claramente antimilitarista. “Pensamos que este aumento non é en absoluto unha prioridade e defendemos unha política e unhas relacións internacionais baseadas na paz e na solidariedade cos pobos e as xentes que se atopan en situación de pobreza”, explica Ana Miranda.

Para o Bloque, é preciso que a Unión Europea defina e poña en práctica unha política internacional propia, orientada ao fortalecemento da ONU, para que desempeñe o papel para o que foi creada e que free a política militarista. “Cómpre que a UE sexa capaz de mediar nos conflitos, restabelecer a paz e a democracia sen botar man de agresións de tipo bélico e imperialista”, afirma a eurodeputada.