Ana Miranda reclama que os futuros fondos de cohesión sirvan para evitar que siga emigrando a nosa mocidade

Plenary session - Hatred and physical violence against democratically elected mandate holders
Ana Miranda

A eurodeputada nacionalista salienta que por primeira vez se teña en conta o criterio demográfico tal e como demandou o BNG

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, salienta a que hai unha mellora na proposta aprobada hoxe no Parlamento Europeo sobre os fondos de cohesión 2021-2027, rectificando a labazada inicial da Comisión Europea. Esas melloras refírense as emendas presentadas polo grupo Verdes-ALE, no que se insire o BNG, como o cambio dos criterios para poder apoiar aos territorios con problemas demográficos como Galiza, tanto pola emigración da mocidade, pola falla de nacementos como polo gran número de persoas maiores.

“Por primeira vez dáse un tratamento prioritario ás actuacións contra o despoboamento, que é un problema que afecta a moitas partes de Europa, e en especial a Galiza”, salienta Ana Miranda, quen insta ao goberno galego a “aproveitar esta oportunidade para o retorno da mocidade e para non recortar en servizos públicos pois até agora o que fixo coas decisións que tomou foi expulsar mozas e mozos á emigración”.

Nas propostas presentadas pola Comisión Europea concrétanse zonas, elixibilidade e criterios dos futuros fondos de cohesión relacionadas coa PAC, o Fondo de Cohesión, o Fondo Social Europeo, os Fondos FEDER e o Fondo Pesqueiro (FEMP), que se trasladaron ao Parlamento Europeo, onde foron debatidas estes meses. Falta agora a aprobación definitiva nos trílogos co Consello, co que a baixada de fondos aínda pode ser considerable.

Evitar triunfalismos

Para a eurodeputada galega resulta positivo que os fondos previstos para o período 2021-2027 manteñan a “rede de seguridade”, de forma que ningún territorio perda “de golpe” financiamento pois ao quedar fóra da categoría de territorio de transición Galiza podía correr o risco de perder boa parte dos fondos. Neste sentido Miranda sinala que o que farían estas medidas “é que quedemos nunha situación igual ao período anterior”.

Porén, a eurodeputada do BNG lembra que o Goberno galego “non fixo nada para evitar que perderamos 3.500 millóns de euros no período actual cos fondos de cohesión 2014-2020”. En consecuencia, fai un chamamento a “evitar triunfalismos, porque quedariamos igual, tendo en conta que xa perderamos moito”. Subliña que resultan imprescindibles actuacións para “solucionar a precariedade laboral, para que non se recorte a sanidade, para que os fondos europeos non sexan mal empregados, para completar o saneamento e para apoiar ás persoas en situación de pobreza e exclusión social, cousa que non fixo o Goberno galego nestes anos”.

A eurodeputada galega votou en favor de que se retirara a condicionalidade macroeconómica, defendendo na súa intervención no Pleno do Parlamento Europeo que “os recortes impostos por Bruxelas non penalicen, aínda por riba, a Pobos como o galego, que xa sufriron as consecuencias directas da crise, dos recortes de servizos públicos e duns reformas laborais durísimas sobre as traballadoras e traballadores”.

Potenciar a economía galega e o emprego

O BNG considera que esta modificación dos fondos, se son ben utilizados, permitirá potenciar a innovación industrial, a dixitalización e o apoio ás pequenas e medianas empresas, que conforman boa parte do entramado económico galego. Asemade posibilitarán contribuír á transición enerxética e á loita contra o cambio climático sen descoidar a creación de emprego.

“Estes fondos europeos poderían axudar a que Galiza saia con solvencia da crise económica provocada polas políticas neoliberais e a crear emprego non precario, máis temos que ver se o goberno galego é quen de aproveitalas”, explica a eurodeputada do Bloque.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG