Ana Miranda: “Queremos que os fondos europeos de reconstrución sexan investidos en emprego, infraestruturas necesarias, sanidade e educación”

Diego Lourenzo, Ana Miranda e Noa Presas
Diego Lourenzo, Ana Miranda e Noa Presas
Noa Presas: “Este 12X temos que Anamirandizar a Xunta de Galiza e multiplicar a defensa incuestionable do país”

A candidata portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defendeu que os fondos europeos de reconstrución, que se porán a disposición dos Estados membros para paliar as consecuencias da pandemia do COVID19, sexan investidos en emprego, infraestruturas necesarias, sanidade e educación. “No BNG queremos que sexan a fondo perdido e con mutualización da débeda”, engadiu Miranda nunha rolda de prensa conxunta coa cabeza de lista da candidatura por Ourense, Noa Presas.

“Os fondos serán investidos de forma moi diferente se goberna o PP a se goberna o BNG, como xa se ten demostrado na provincia de Ourense co mal uso sobre os fondos europeos”, manifestou a portavoz do Bloque en Europa, quen avanzou que desde a formación nacionalista “estaremos moi vixiantes para a execución dos fondos sexa axeitada”.

Nas súas intervención tanto Miranda como Presas sinalaron que o BNG non ten ataduras, polo que a partir do 12 de xullo, liderando o executivo galego poderán facer valer Galiza e Ourense nas negociacións que están por vir: “non podemos fiar o noso futuro nas mans dos recadeiros de Casado, Sánchez ou Iglesias”.

Negociacións en Europa

A candidata do Bloque, Noa Presas lembrou que antes da declaración do Estado de alarma, hai tres meses, a voceira do BNG no Parlamento Europeo acudira a Ourense para falar da importancia de que se producira en Galiza un cambio político. “É fundamental ese cambio para que Galiza teña, o peso que merece nas negociacións de ámbito europeo”, indicou Ana Miranda ao respecto. “Se iso onte era unha necesidade, hoxe é unha cuestión vital”, subliñou Presas.

“Presentámonos a estas elección co aval do traballo da incansábel Ana Miranda ao longo destes anos no Parlamento Europeo, sendo a voz do intereses de Galiza”, salientou Presas enumerando as reivindicacións máis destacadas que o BNG levou á cámara europea: limpeza dos ríos, a procura da verdade e xustiza para o caso Angrois, a solución das preferentes, as denuncias das emigrantes retornadas. “Este 12X queremos Anamirandizar a Xunta de Galiza e multiplicar a defensa incuestionable de Galiza no ámbito europeo que representa o BNG”, apuntou Presas.

A candidata nacionalista considerou que nesta crise do coronavirus víronse como en moitos casos a mellor cara das persoas e moitas institucións, mais comentou que tamén se produciron exemplos do contrario. “Vimos a sombra desa Europa insolidaria, neoliberal e ao servizo de intereses de determinados países por riba do colectivo como amosou o debate respecto da posibilidade dos coronabonos”, sinalou. “Precisamos un goberno galego sen ataduras, que faga o que non fixo Feijóo nestes 11 anos, que marque posición nos grandes temas obedecendo exclusivamente ao interese de Ourense e de Galiza” afirmou.

Apertura de fronteiras na Eurocidade Chaves-Verín

Por outro lado, Ana Miranda e Noa Présas mantiveron un encontro co tenente de alcalde de Verín, co que visitaron o punto fronteirizo da Eurocidade Chaves-Verín. “Estamos nun lugar de forte intercambio económico e social que agora se está vendo moi prexudicado co peche de fronteiras e desde o BNG pensamos que co control sanitario este peche debería ser modificado”, salientou, ao tempo que comentou que “non é moi lóxico” que houbera a discrepancia entre Estados para abrir as fronteiras segundo os intereses particulares.

“Ten que aplicarse unha normativa única para todos os Estados membros e sobre todo para os máis afectados polo coronavirus. Non é normal que en Bélxica estean desde o principio os parques infantís abertos e aquí non se abran as escolas infantís”, criticou a portavoz do Bloque en Europa. Por outro lado, en Verín fixo referencia a loita mantida na comarca a prol do paridoiro “como exemplo de resistencia nunha provincia que presenta un grave problema de despoboamento. Nada é máis digno que reivindicar un lugar para nacer”.


 


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG