Ana Miranda pregunta á Comisión pola execución dos actuais fondos FEMP en Galiza

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada do BNG insta ás institución europeas a vixiar o cumprimento dos programas de fomento do emprego na pesca costeira e artesanal

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, amosa a súa preocupación pola execución dos Fondos Europeos Marítimos e de Pesca (FEMP) da UE para 2014-2020, xa que ao seu xuízo son fundamentais, para fomentar o emprego en Galiza en relación a pesca costeira e artesanal.

Deste xeito, presentará unha pregunta dirixida á Comisión para a súa resposta escrita na que demanda información ás institución comunitarias sobre o estado da execución destes fondos. “Galiza recibe case o 50% dos fondos concedidos ao Estado español, máis de mil millóns de euros, polo que estamos falando dunha cifra moi importante para executar programas de creación e mantemento de emprego no sector pesqueiro galego”, explica Ana Miranda.

A eurodeputada nacionalista lembra que a responsabilidade de execución deses fondos corresponde á Xunta de Galiza. “Témome que o goberno galego non cumpriu a súa parte ao respecto, pero queremos saber os datos reais do investimento en Galiza”, salienta Miranda, quen sinala asemade que o Estado español é o Estado Membro que máis cartos recibe da Unión Europea correspondentes aos fondos FEMP, seguido a larga distancia por Francia y Polonia, que reciben aproximadamente a metade que o Estado español.

A propia Comisión Europea salienta a importancia do FEMP xa que entre os seus obxectivos figuran a axuda á transición á pesca sostible, á diversificación das economías das comunidades costeiras, financiar proxectos para crear emprego e mellorar a calidade de vida nas costas europeas e facilitar o acceso ao financiamento.

Garantir o cumprimento

Por outro lado, na súa iniciativa, a eurodeputada nacionalista pregunta á Comisión que medidas ten previsto aplicar no caso de que o FEMP non conte cunha completa execución para garantir a súa aplicación por parte do Estado español e cumprir os obxectivos para os que os fondos foron elaborados.

“Desde o BNG consideramos que estes criterios na elaboración do FEMP se axustan ás necesidades de Galiza, pero evidentemente é necesario que o Estado Membro e a Xunta os soliciten e os executen”, destaca Miranda, quen indica que “de pouco serve que a Unión Europea poña os cartos enriba da mesa se logo non se executan, e temos que ter en conta que o prazo de execución formal remata en 2020”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG