Ana Miranda pregunta á Comisión Europea se ten cuantificado o impacto dos residuos plásticos na pesca

Xuntanza centro oceanográfico
Xuntanza centro oceanográfico

A eurodeputada do BNG defende o equilibrio entre o desenvolvemento dos sectores produtivos e a defensa do medio ambiente 

Ana Miranda pregunta á Comisión Europea se ten cuantificado o impacto dos residuos plásticos na pesca

A eurodeputada do BNG e integrante Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Ana Miranda, destaca a necesidade de coñecer o impacto dos residuos plásticos na pesca. Miranda así o manifestou tras manter unha xuntanza co investigador do Centro Oceanográfico de Vigo, Jesús Gago, especialista neste eido, e a directora do instituto Victoria Besada.

Tendo en conta que gran parte dos problemas que xeran este tipo de residuos veñen pola súa rotura e a inxestión de microplásticos por parte das distintas especies animais, Ana Miranda diríxese á Comisión Europea para saber que fai esta entidade para reducir os plásticos na pesca, no marisqueo e na acuicultura, así como cales son os indicadores que utiliza para detectar a súa presenza e os prazos temporais que manexa.

“Temos que manter o equilibrio entre os sectores produtivos tan importantes para o noso país, como a pesca, o marisqueo e a acuicultura, e o coidado do medio ambiente”, subliña a eurodeputada nacionalista, para quen por freo ao depósito de residuos plásticos no mar non só resultará beneficioso para o sector económico senón tamén para a saúde. 

Segundo mostran as investigacións recentes, os microplásticos liberados no medio mariño entran na cadea alimentaria e así os seres humanos terminan consumíndoos. Ademais, algúns expertos afirman que no 2050, nos océanos se poderá atopar máis plástico que peixe. “Sen querer ser alarmistas, temos que evitar que isto aconteza”, subliña a eurodeputada.

Economía circular

Precisamente Miranda lembrou que a primeira estratexia europea sobre plásticos foi presentada no pasado mes de xaneiro co obxectivo de impulsar o desenvolvemento dunha economía máis circular. Segundo esta estratexia, todos os envases de plástico do mercado da UE serán reciclables para 2030, reducirase o consumo de plásticos dun só uso e restrinxirase a utilización dos microplásticos.

Esta estratexia inclúe a redución do lixo mariño a través das normas sobre instalacións portuarias de recollida de residuos xerados nos buques. Neste sentido, a eurodeputada do BNG insta á Comisión a acelerar o proceso xa iniciado e afondar na reutilización deses materiais, xa que non sempre é posible a súa reciclaxe.