O PP permite a deslocalización de empresas e despois destina recursos europeos de adaptación á globalización

Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez

A eurodeputada do BNG defende a ampliación dos programas para o mantemento do emprego no téxtil na comarca de Ordes

A eurodeputada do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, defendeu a ampliación do programa para o mantemento do emprego no sector do téxtil na comarca de Ordes que o Parlamento Europeo votou esta mañá. “Non é de recibo que o goberno do PP primeiro deslocalice as empresa e que logo destine recursos tan limitados do Fondo Europeo de Adaptación a la Globalización”, subliñou Miranda.

Ana Miranda deu un voto a favor do programa “como mal menor”, pero coa salvedade da política que desenvolve o PP a respecto da globalización.  Criticou asemade que o PP pretenda facer fronte a perda de 500 postos de traballo nos últimos catro anos cos 720.000 euros que contempla o proxecto da Comisión.

“O feito de que o desemprego aumentara un 40% no sector da confección nesta zona, afectando especialmente a mulleres de idade comprendida entre os 30 e 54 anos, demostra que é imprescindible un plan máis ambicioso dirixido especificamente a este colectivo que busque a súa recuperación e que se axilicen as indemnizacións polos despedimentos, considerou a europarlamentar do Bloque.

Por outra banda, sinalou que a proposta non vai ao fondo dos problemas reais das empresas de confección, en especial as do grupo Deus, que non confeccionan marca propia, senón que eran subcontratas de marcas téxtiles que actualmente continúan coa súa actividade.

Así, lembrou que acometeron os despedimentos colectivos e posteriormente entraron en concurso de acredores para proceder ao seu peche definitivo pola súa incapacidade de facerlle fronte a débeda salarial que superaba os 8 millóns de euros debido aos sucesivos impagos de cotas de seguridade social.

No tocante a empresa de confeccións Viriato, esta empresa chegou a acumular unha débeda superior aos 11 millóns de euros pese as axudas recibidas da xunta a través do IGAPE, a última das cales foi en setembro do 2015, despois de acometer un ERE que afectou a 40 traballadoras. Outro exemplo desta situación refírese á empresa Caramelo, que obtivo unha axuda de 5 millóns de euros en febreiro do 2010 despois de ter aprobado un ERE en agosto do 2009 que supuxo o despedimento de 237 traballadoras.

A eurodeputada lamentou que o proxecto da Comisión Europea non atenda á situación das traballadoras despedidas. Ao respecto apuntou que as 40 persoas despedidas mediante un ERE en xullo do 2015 pola mercantil Viriato aínda teñen procesos de reclamación no xulgado do social de A Coruña porque a mercantil incumpriu a súa obriga de pagar o convenio especial coa seguridade social das persoas incluídas no ERE con máis de 55 anos. 

“Esta situación prexudica considerablemente a futura xubilación das persoas afectadas”, denuncia Miranda, quen sinalou que o persoal despedido de Viriato en xaneiro do 2017 cobrou ou importe de indemnización por despido a través do FOGASA, toda vez que a empresa tampouco cumpriu coa obriga de pago.

Ademais, as traballadoras despedidas en abril do 2017 do grupo Deus se atopan a día de hoxe inmersas nun proceso xudicial de reclamación de salarios pendentes de cobro (6 mensualidades) e tamén de reclamación de indemnizacións. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG