Ana Miranda pon a eurocidade Cerveira-Tomiño como exemplo de boas prácticas de cooperación transfronteiriza

Ana Miranda eurocidade 1
Ana Miranda eurocidade 1

A eurodeputada mantivo un encontro coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a concelleira de Cultura de Vila Nova de Cerveira, Aurora Viaes

Ana Miranda pon a eurocidade Cerveira-Tomiño como exemplo de boas prácticas de cooperación transfronteiriza

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, destacou o traballo de colaboración que están desenvolvendo os concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira, poñéndoos como exemplo de boas prácticas de cooperación transfronteiriza. Manifestouno así tras a reunión que mantivo con Sandra González, alcaldesa de Tomiño, e Aurora Viaes, Vereadora de Cultura e Juventude de Vila Nova de Cerveira.

“A colaboración entre estas dúas institucións representa un exemplo claro de cal é a Europa que queremos construír”, destaca a eurodeputada nacionalista, quen se comprometeu a defender no Parlamento Europeo todas iniciativas postas en marcha. “Estes proxectos representan un forte impulso á dinamización económica e a promoción do turismo transfronteirizo”, salientou.

Existen diferentes vertentes do traballo que desenvolven conxuntamente estas dúas localidades. Por un lado afondan en experiencias de participación cidadá mediante o Orzamento Participativo Transfronteirizo e as Valedoras da cidadanía transfronteiriza. “Trátanse de experiencias moi interesantes que teñen o obxectivo diluír a fronteira de xeito que se traballe de xeito complementario e detectando os problemas que afectan a ambas poboacións”, explicou a alcaldesa de Tomiño.

Servizos compartidos

Ademais de estas experiencias de participación cidadá tamén se afonda na prestación de servizos compartidos, como son a utilización da piscina municipal, o programa conxunto de actividades deportivas, e a Escola de Música. “Queremos crear ademais o primeiro parque transfronteirizo”, salientou Aurora Viaes, sobre a construción dunha pasarela peonil proxectada entre dous parques, dous grandes espazos públicos, entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira.

“Temas como servizos de saúde, transporte, de educación... poderían ser compartidos, máis ambos concellos limítrofes enfróntanse aos problemas das trabas administrativas de pertencer a dous Estados diferentes”, sinala Ana Miranda ao respecto, quen loa que “entendan que a fronteira debe servir para unir e non para dividir, creando servizos compartidos e máis cidadanía europea”.